Grazas ao programa "Prácticum Depo 2016"
A Deputación de Pontevedra recibe a 50 estudantes de FP que realizarán prácticas laborais no estranxeiro
A deputada de Emprego da Deputación de Pontevedra, Montse Magallanes, recibiu este luns ao alumnado de formación profesional que desfrutará das bolsas do 4º grupo de mobilidade do proxecto “Prácticum Depo 2016”.
O alumnado asistiu a unha xornada na que se lles informou de diversos asuntos de interese para a posta en marcha da súa mobilidade no estranxeiro.
Ao abeiro de “Prácticum Depo 2016”, a Deputación de Pontevedra permitirá que estes 50 alumnas e alumnos de Formación Profesional de ciclos medios se formen, facendo a súa primeira incursión no mundo laboral e intercambiando experiencias, a través de prácticas en empresas e institucións do Reino Unido, Italia, Irlanda, Malta, os Países Baixos, Portugal e Finlandia a partir do mes de outubro.
Montse Magallanes lembrou ao grupo de estudantes que, ademais da experiencia empresarial, “ides estar nun territorio distinto que non coñeceredes tanto como o voso, o que vos vai permitir mellorar as vosas habilidades lingüísticas e mesmo sociais, algo indispensable en calquera traballo”. A deputada fixo alusión á “dobre vertente” de “Prácticum Depo”, que promove a mellora destas habilidades, por unha banda, e “a mellora da vosa empregabilidade”, pola outra. A este respecto, Montse Magallanes sinalou que “coas prácticas poderedes trasladar todo aquilo no que vos fostes formando ao eido empresarial, unha oportunidade para estar por primeira vez nun ámbito empresarial no que recibistes a vosa formación”.
Programa plurianual
“Prácticum Depo 2016” é unha iniciativa plurianual, que ten un desenvolvemento de 24 meses e que se estende ata o 31 de maio de 2018. Grazas a esta iniciativa, que conta cun orzamento de preto de 600.000 euros, un total de 101 persoas de 29 centros, entre alumnado e profesorado, están a realizar ou realizarán prácticas laborais en diferentes entidades europeas. Con este novo grupo de 50 persoas, cuxas bolsas foron aprobadas na Xunta de Goberno do pasado venres, xa son 79 as persoas cuxas estadías están en marcha, restando outras 21 prazas que serán adxudicadas en breve.
O pasado mes de xuño aprobouse unha nova achega de case 900.000 euros para pór en marcha a seguinte edición deste programa, o “Prácticum Depo 2017”, que levará a 93 mozas e mozos e profesorado de 33 centros educativos de formación profesional da provincia a coñecer as prácticas realizadas noutros países de Europa ata maio de 2019.