"Un xiro de 180 graos” respecto ao modelo actual
A Deputación de Pontevedra implantará en 2019 un novo modelo de apoio á formación e ao emprego
O goberno da Deputación de Pontevedra poñerá en marcha o próximo ano un novo modelo de apoio á formación e ao emprego, destinado a titulados universitarios e estudantes de Formación Profesional.
A decisión foi tomada polo goberno provincial pontevedrés unha vez que o Goberno de España aprobou o pasado mes de xullo un novo Plan Director, que pretende fomentar que os postos de formación sexan de maior calidade e con maiores dereitos. Así o confirmou o deputado Carlos Font nunha reunión celebrada coas empresas que participaban no antigo Plan de Práctica Laboral.
Font explicou que con este novo modelo, “que xa temos moi avanzado”, se manterá o apoio ás persoas que finalizan a súa formación universitaria ou formación profesional e precisan dun período de tempo de formación en prácticas nas empresas.
O deputado explicou que o novo modelo da Deputación será presentado nas próximas semanas aos colectivos empresariais da provincia para rematar de definilo e planificalo, así como incorporar as súas aportacións”. O novo Plan, que é “un xiro de 180 graos” respecto aos diferentes modelos existentes ata agora, supón tamén unha garantía de seguridade ás empresas da provincia que poderán seguir así con prácticas que garantan todos os requisitos da nova normativa, amais dunha nova aposta desta nova Deputación polo fomento da formación das persoas tituladas na Universidade e estudantes de Formación Profesional”.
Carlos Font lembrou que o modelo existente ata agora xa fora mellorado polo actual goberno cando chegou á Deputación de Pontevedra. Entre outros aspectos, incrementouse a axuda económica, incluíronse criterios a valorar como o compromiso de contratación das persoas bolseiras, e reforzouse a cualificación e as labores das persoas titoras. “O novo modelo que implantaremos neste novo ano é un paso moito máis importante xa que suporá unha maior dignificación da formación laboral e unha maior seguridade para as nosas empresas", rematou o deputado.