Enmárcanse no Proxecto Millennials 2019
A Deputación de Pontevedra impartirá en setembro dez novos cursos formativos para menores de 30
Entre as accións formativas programadas, figura a nova edición de dous cursos en Pontevedra e Vigo que se están a desenvolver desde xullo, pero que a Deputación de Pontevedra decidiu repetir nunha nova convocatoria pola súa gran demanda e acollida. Trátase dos cursos “Márketing dixital: estratexias SEO, SEM, redes sociais e análise de tráfico web”, que se ofrecerá en Pontevedra do 17 de setembro ao 7 de novembro, e “Creación de contidos dixitais (videoxogos, imaxe e vídeo)", que se desenvolverá en Vigo do 17 de setembro ao 18 de novembro.
Os oitos cursos restantes desenvolveranse, ademais de en Pontevedra e Vigo, en Vilagarcía e Ponteareas. No primeiro caso, están previstas as accións formativas “Creación e xestión de tendas en liña”, que terá lugar no Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra do 19 de setembro ao 18 de novembro, con 316 horas; e “Xestión de fidelización de establecementos turísticos”, que tamén terá lugar no Príncipe Felipe do 17 de setembro ao 28 de outubro, con 166 horas.
Por outra banda, Vigo acollerá tamén outras catro accións formativas, que terán lugar na sede da Deputación na cidade olívica. Trátase de “Deseño e prototipado rápido mediante impresión 3D e mecanizado”, de 316 horas e que se desenvolverá do 16 de setembro ao 18 de novembro; “Creación de aplicacións móbiles (aplicacións para Android e IOS)”, tamén de 316 horas e que terá lugar do 17 de setembro ao 18 de novembro; “Organización e Xestión de Produción: Lean Manufacturing 4.0”, de 312 horas entre o 16 de setembro e o 18 de novembro e, por último, “Xestión de empresas turísticas. Deseño e desenvolvemento de produtos”, con 166 horas repartidas entre o 16 de setembro e o 28 de outubro.
“Deseño e prototipado rápido mediante impresión 3D e mecanizado” é o curso que terá lugar en Vilagarcía (Matosiños), cun total de 316 horas entre o 16 de setembro e o 15 de novembro, mentres que o CDL de Ponteareas acollerá a acción formativa “Programación web con software libre. Web development bootcamp” do 17 de setembro ao 19 de novembro, cun total de 316 horas.
O Proxecto Millennials está dirixido a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos, con cursos deseñados e adaptados ás súas necesidades e as necesidades do tecido industrial da provincia, no marco do Plan Nacional de Garantía Xuvenil. Este proxecto enmárcase así mesmo no convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Escola de Organización Industrial, dentro do Programa Operativo de Garantía Xuvenil.