Proxecto "Erasmus + Practicum Depo"
A Deputación de Pontevedra adxudica 28 novas bolsas de mobilidade
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a adxudicación de 28 bolsas de mobilidade ao alumnado participante no proxecto “Erasmus + Practicum Depo 2017”.
Nesta sexta quenda, que comeza en outubro, alumnas e alumnos procedentes de quince centros educativos da provincia viaxarán a Bélxica, República Checa, Irlanda, Italia, Portugal e Finlandia para desenvolver as súas prácticas formativas ao longo de seis meses.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, recordou que este terceira edición de “Erasmus + Practicum Depo 2017” ten un orzamento de 700.967 euros e “ten por obxectivo impulsar a mobilidade das persoas con motivo da súa aprendizaxe”. Tamén engadiu que o que se pretende dende a institución provincial “é levar a cabo un programa de mobilidade de estudantes graduados e graduadas en Formación Profesional de ciclos medios para que se poidan formar e facer a súa primeira incursión no mundo laboral para intercambiar experiencias a través de prácticas en empresas e institucións estranxeiras”.
Silva tamén lembrou que “a continuidade deste proxecto está asegurada”. De feito, está en marcha un novo “Practicum Depo”, que constituiría a cuarta edición, no que se está a investir preto de 822.000 euros e a través do cal se van impulsar 124 novas mobilidades ata o 31 de maio de 2020, que permitirán que tanto alumnado como profesorado de 15 centros educativos de FP da provincia poidan coñecer as prácticas realizadas noutros países de Europa.
Dende que a institución provincial puxo en marcha “Practicum Depo” investíronse máis de 3,5 millóns de euros no impulso da mobilidade de case 450 persoas, entre o alumnado e o profesorado de ciclos formativos, que realizan as súas prácticas profesionais no estranxeiro ou viaxan para coñecer como se imparte a docencia destes niveis educativos noutros países da Unión Europea.