Cunha achega de 45.000 euros
A Deputación de Ourense apoiará un programa de inserción laboral da CEO
O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), Marisol Nóvoa, mantiveron un encontro de traballo no que acordaron o apoio económico da institución provincial aos programas de reactivación do emprego para a inserción laboral de homes e mulleres maiores de 45 anos da confederación empresarial.
A Deputación de Ourense “vaise sumar a este campo de traballo cunha axuda de 45.000 euros que quedará reflectida na modificación de créditos que se presentará ao pleno de abril”., explicou o seu presidente, Manuel Baltar, trala xuntanza. Un apoio máis á Confederación Empresarial de Ourense (CEO) “dentro desa alianza que mantemos en proxectos clave como as axudas á internacionalización ou para a promoción de sectores económicos importantes para a provincia como o vitivinícola”.
Para unha administración que opera no territorio como é a Deputación, destacou Manuel Baltar, “é esencial cooperar cunha organización que a través dos seus proxectos e persoas dinamiza a provincia xerando emprego e riqueza”.
A a presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, que estivo acompañada polo secretario xeral da organización, Jaime Pereira, puxo énfase pola súa banda na importancia destes encontros “para o seguimento de todos os proxectos que temos en marcha coa Deputación, nesta liña de ampla colaboración”. Un traballo conxunto, engadiu, que dá un paso máis “coa posta en marcha de novas iniciativas como o citado programa Reactiva, antes centrado nas mulleres desempregadas pero que agora tamén se estende a toda a poboación maior de 45 anos”. Este novo programa porase en marcha a partir do mes de maio.