Para empresas e emprendedores
A Deputación de Lugo convoca as axudas do plan de emprego Prende!
O plan Prende! Bota Raíces no Rural da Deputación lucense ten o obxectivo de fixar poboación moza nas zonas menos poboadas da provincia de Lugo, favorecendo a súa inserción no mercado laboral. Prende! Bota Raíces no Rural conta cun orzamento de 300.000 euros, achegados nun 92% polo Fondo Social Europeo.
Este programa consta de dúas fases. Na primeira, que nestes momentos está en marcha e rematará o 13 de xullo, 50 mozos e mozas reciben formación especializada en catro sectores profesionais estratéxicos para Lugo e con perspectivas de crecemento, como son hostalería e turismo, enerxía e auga, agricultura e gandería, e medio ambiente, así como en emprendemento.
Unha vez rematada a formación, comezará a segunda fase do proxecto, as prácticas para adquirir experiencia laboral nestes sectores. A Deputación de Lugo, a través da convocatoria que vén de publicar no BOP, concederá axudas a empresas por importe de 5.700 euros por cada persoa que contraten durante un período de un ano, sendo a cantidade total destinada de 171.000 euros para un total de 30 contratos. Ademais, outorgará catro bolsas de 8.550 euros a emprendedores para poñer en marcha o seu proxecto empresarial.
Os participantes nos cursos de formación do plan Prende! poderán solicitar as axudas para emprendedores e terán posibilidade de acceder aos postos de traballo que demanden as empresas.
As persoas interesadas en solicitar algunha destas convocatorias deben estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e empadroados en concellos lucenses de menos de 5.000 habitantes ou entre 5.000 e 10.000 con saldo demográfico negativo na última década. Os interesados nas axudas poden formalizar a súa solicitude na sede electrónica da Deputación durante o prazo de dous meses.