PEL- Rurinnova e PEL-Relevo
A Deputación da Coruña activa dúas novas liñas do Plan de Emprego Local
As novas liñas PEL-Rurinnova e PEL-Relevo suman un investimento global de 921.000 euros, cofinanciados nun 91% polo Fondo Social Europeo (FSE), e teñen como obxectivo apoiar a inserción laboral, o autoemprego e o emprendemento entre os mozos e mozas de menos de 30 anos dos concellos coruñeses con poboación inferior aos 5.000 habitantes ou naqueles municipios con menos de 10.000 habitantes que presenten un saldo demográfico negativo na última década.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que estes dous novos programas do PEL créanse en base ao obxectivo estratéxico do goberno provincial de "facer fronte ao declive demográfico do rural coruñés" e pretenden "ofrecer á nosa mocidade oportunidades laborais ou axudas para crear a súa propia empresa sen ter que abandonar o rural".
Posta en marcha de 60 proxectos empresariais
O programa PEL- Rurinnova, dotado con 489.000 euros, financiará a posta en marcha de 60 proxectos empresariais innovadores por parte de mozas e mozos menores de 30 anos.
Ademais de axudas ao autoemprego, por un importe de ata 8.100 euros, esta liña inclúe un amplo calendario de actividades de formación, asesoramento e soporte para os emprendedores/as durante o proceso de creación, desenvolvemento e consolidación dos seus diferentes plans e liñas de negocio, así como o futuro apoio a estes dende a Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo.
Continuando coa súa liña de apoio ao emprendemento sostible, a Deputación priorizará o acceso a esta liña de axudas aos proxectos que potencien a economía verde, azul ou circular e conten con medidas de desenvolvemento sostible e responsabilidade social empresarial no seu modelo de negocio.
80 novas contratacións para garantir o relevo xeracional
Por outra banda, a nova liña PEL-Relevo contará cun orzamento de 432.000 euros para incentivar a contratación de 80 mozos e mozas menores de 30 anos en empresas implantadas nos concellos máis pequenos da provincia. Os contratos deberán ser indefinidos e a tempo completo, tendo a obriga de mantelos un mínimo de seis meses, e teñen como obxectivo facilitar o relevo xeracional dos cadros de persoal das empresas e proporcionar unha experiencia laboral e a adquisición de novas competencias á mocidade.
Ademais da subvención á contratación destes 80 mozos e mozas, que complementan as liñas de acción dos programa PEL-Pemes e PEL-Concellos que este ano facilitarán a inserción laboral dunhas 600 persoas; a nova liña PEL-Relevo ofrecerá tamén accións formativas para os traballadores en colaboración coa Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo.
As axudas destes programas poden ser solicitadas por empresas e emprendedoras censadas en calquera dos 42 concellos coruñeses con menos de 5.000 habitantes ou nos 22 municipios con menos de 10.000 habitantes que teñan un saldo demográfico negativo durante a última década.