Agárdase alcanzar 120 desempregados

Deputación e CEO colaboran nun programa de inserción laboral de maiores de 45 anos

A Deputación de Ourense xunto á Confederación Empresarial de Ourense (CEO) porán en marcha un novo programa de inserción laboral, “Reactiva Ourense”, destinado a persoas desempregadas maiores de 45 anos que perderan o seu posto de traballo como consecuencia da crise económica provocada pola pandemia.
Deputación e CEO colaboran nun programa de inserción laboral de maiores de 45 anos
deputacion ou ceo
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, na sinatura do convenio./A.PAZ.

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e a presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, asinaron o convenio que permitirá o desenvolvemento deste plan de fomento do emprego, seguindo a liña iniciada o pasado ano cun primeiro programa destinado a mulleres sen traballo.

Manuel Baltar subliñou que este novo acordo é “un paso máis na colaboración público privada que mantemos desde hai anos coa CEO, nun ámbito absolutamente estratéxico como é a xeración de emprego entre os colectivos con maiores dificultades para atopar traballo”.

Marisol Nóvoa agradeceu a disposición do presidente da Deputación a impulsar unha iniciativa que vai ter como beneficiarias “as persoas maiores de 45 anos, unha idade na que resulta moito máis difícil incorporarse ao mercado laboral”. Destacou a presidenta da CEO que este novo programa continúa o plan realizado en 2021 para mulleres desempregadas menores de 45 anos (Reactiva Mulleres), “polo que agora entendemos que queda completado todo o ciclo e dáselle cobertura a todos os homes e mulleres que quedaron sen traballo pola pandemia”.

Fomento da dixitalización e sustentabilidade nas empresas

“Reactiva Ourense (Reactiva-t-OU +45)” é un programa de acompañamento para o fomento do emprego na provincia de Ourense, destinado a persoas desempregadas de entre 45 e 60 anos que precisen reincorporarse ao mercado laboral por atoparse en situación de vulnerabilidade. O plan incidirá na mellora das habilidades e competencias no ámbito dixital, pois un uso correcto das novas tecnoloxías pode contribuír á sustentabilidade dentro das empresas, reducindo os desprazamentos dos traballadores, fomentando a flexibilidade, o benestar dos empregados e avanzando na conciliación da vida laboral e familiar.

Tamén se fomentarán as habilidades para a empregabilidade, tales como a elaboración dun curriculum vitae, a preparación de entrevistas ou de probas previas. Os participantes disporán ademais da axuda de técnicos especializados para a resolución de problemas e seguimento de forma individual.

Estímase que no programa poderán participar un total de 120 persoas que serán seleccionadas polas diferentes asociacións empresariais da provincia. Celebraranse un total de seis sesións, cada unha delas con entre 15 e 20 participantes, cunha duración de 15 horas das que 12 serán de formación conxunta e 3 individuais.


 


 

Deputación e CEO colaboran nun programa de inserción laboral de maiores de 45 anos