O 9 de novembro ofrécese unha charla sobre este programa formativo
Depoforest, un proxecto para mellorar a empregabilidade no sector forestal
O Concello do Rosal e a Deputación de Pontevedra colaboran para desenvolver no municipio pontevedrés o proxecto Depoforest, un curso formativo centrado na xestión integral e aproveitamento de piñeirais.
Segundo expón a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, Depoforest en como obxectivo “mellorar a capacidade de atopar traballo de persoas en situación de desemprego, apostando así ademais pola creación de emprego verde, pola protección do noso monte dun xeito diverso e sostible e polo asentamento de poboación no rural”.
O mércores 9 de novembro ás 10.00 horas no Centro Social Polivalente impartirase unha charla sobre este programa formativo gratuíto que está dirixido a persoas desempregadas, facendo especial fincapé en mulleres, mozos e mozas ou maiores de 45 anos que lles interese traballar no sector forestal e no medio natural.
Trátase dun proxecto para a creación de emprego posto en marcha pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Programa Empleaverde da Fundación Biodiversidad. A través desta iniciativa, as persoas interesadas poderán participar nun taller práctico no que se porá en valor a multifuncionalidade dos montes a través dunha xestión innovadora que axuda ao desenvolvemento socioeconómica dos espazos forestais das zonas rurais.
Depoforest pretende introducir a través da formación os coñecementos necesarios para esa mellor xestión da superficie forestal a longo prazo e obter un maior beneficio, ademais de introducir actividades económicas que axuden a obter o mellor produto con vistas aos vindeiros 15 ou 20 anos ao tempo que pode ser fonte de ingresos complementarios de xeito máis periódico. Búscase ademais preservar e mellorar os socio-ecosistemas relacionados coa actividade de extracción de resinas naturais, garantindo e potenciando a mixtura de usos, unha innovación centrada nos propietarios e propietarias e comunidades de montes, cun claro retorno sociocultural, económico e ambiental, mantendo os servizos ecosistémicos e o desenvolvemento rural e facilitando a integración de mulleres e mocidade. “En definitiva, convertendo o medio forestal nunha oportunidade laboral para os veciños e veciñas do noso rural”, recalca a rexedora.
As persoas interesadas en participar na acción formativa poden poñerse en contacto coa organización a través do correo electrónico [email protected] ou do teléfono 886 210 725.