O sindicato acusa á Inspección de Traballo e á Xunta de "inacción"
Delegados da CIG mobilízanse en Ourense e Vigo contra a "explotación" dos traballadores transfronteirizos
Varios centos de delegados sindicais da CIG mobilizáronse este mércores en Ourense e Vigo como primeiro acto da campaña que a central vén de poñer en marcha para denunciar as condicións laborais de "sobreexplotación" que padecen milleiros de traballadores transfronteirizos galegos e portugueses.
A problemática afecta principalmente ao sur das provincias de Pontevedra e de Ourense e aos sectores da construción, da automoción e do naval, aínda que tamén aos servizos, ao transporte e á industria téxtil. Segundo denunciou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, as empresas aproveitan "a falta de regulación en materia laboral propiciada pola Unión Europea e a inacción da Xunta e da Inspección de Traballo para nutrirse de man de obra en condicións de precariedade próximas ao escravismo".
Esta campaña prodúcese no contexto do recente protocolo de colaboración subscrito entre a CIG e o principal sindicato portugués, a CGTP-IN, xa que a coordinación entre organizacións sindicais de ambos os dous países "é fundamental para evitar que a desregulación en materia laboral favorecida pola Troika para aumentar o lucro das grandes transnacionais afonde na sobreexplotación de milleiros de traballadores/as", salientan desde a central sindical galega.
As prácticas que utilizan as empresas para maximizar os seus beneficios fomentan o dumping social e agudizan o enfrontamento entre a clase traballadora dos distintos países. “Para nós só hai unha clase traballadora e está a ser brutamente explotada”, sinalan.
Mobilizacións en Ourense e Vigo
A mobilización de Ourense a manifestación arrincou ás 11:30 horas dende a sede da Inspección de Traballo e rematou diante do edificio da Xunta. En Vigo foi ao revés, a marcha partiu da delegación da Xunta e finalizou na Inspección.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que interveu ao remate da manifestación de Ourense, denunciou que "as empresas burlan as escasas leis e utilizan a fronteira para servirse de man de obra máis barata, impoñendo unhas condicións de precariedade que chega a niveis de escravización”.
Ao mesmo tempo, lembrou que de xeito paralelo a este traslado de traballadoress a un lado e outro da raia dáse unha cada vez maior deslocalización de empresas ao norte de Portugal. “Nós o que queremos denunciar é a impunidade coa que actúan as empresas grazas a que as Administracións públicas -sexa o Ministerio de Traballo, a Inspección de Traballo ou a Xunta de Galiza- non fan absolutamente nada para rematar cunha situación que cada vez é máis grave xa que provoca o empobrecemento de milleiros de persoas”.