O vindeiro 23 de febreiro na Cidade das TIC da Coruña
O CPEIG e Vitae organizan unha formación sobre como captar e reter aos profesionais TI
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a consultora de recursos humanos Vitae, con sede na Coruña, Vigo e Madrid, celebrarán o vindeiro venres, 23 de febreiro, a segunda edición dunha charla formativa sobre a avaliación, selección, captación e retención de perfís profesionais TI.
A conferencia, de carácter gratuíto, será impartida polo experto en contratación e socio director de Vitae, Marcos Carbonell, quen analizará este proceso desde a psicoloxía do traballo e a visión dos recursos humanos.
Actualmente o mercado TI ten moita máis oferta de emprego que candidatos dispoñibles, o que produce unha gran rotación nas compañías, de aí a importancia de avaliar e seleccionar estes perfís para retelos nas empresas.
Carbonell dará as claves para realizar esta selección e captación de persoal TI desde dous puntos de vista: o científico, que proporciona a psicoloxía do traballo, e desde a visión dos recursos humanos para conseguir resultados fiables e perdurables no tempo.
“Falarei máis da parte emocional que da racional, pois o lado emocional é o que decide cando un está a gusto ou non nunha empresa e cando toma a decisión de quedarse ou marcharse. Os profesionais informáticos conseguiron nos últimos tempos grandes logros, como o teletraballo, a flexibilidade horaria, semana laboral de catro días, autonomía, autorganización, altos salarios, capacidade de elección de empresas e proxectos adaptados ao seu perfil e intereses, formación ou beneficios sociais, entre moitas outras”, sinalou Carbonell.
Por outra banda, analizará os valores, as motivacións, a personalidade e os intereses destes profesionais TI, dentro de tres grupos profesionais; os técnicos, os xefes de proxecto e os directivos e comentará as ferramentas clave que utilizan as empresas actualmente para reter e captar a este perfil de profesionais.
A experiencia de Vitae, con máis de 14.000 entrevistas profesionais realizadas e máis de 33.000 persoas formadas, o 95 % do sector TI, defínea como unha consultora especializada no lado humano da tecnoloxía.