O 23 de novembro en Santiago
O CPEIG e Vitae organizan unha conferencia sobre a captación de perfís profesionais TI
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a consultora de recursos humanos Vitae celebrarán unha charla formativa gratuíta sobre como captar e reter aos profesionais TI, ademais de como avalialos e seleccionalos para retelos nas empresas.
A conferencia, que se desenvolverá o próximo 23 de novembro, en Santiago de Compostela, será impartida polo experto en contratación e socio director de Vitae, Marcos Carbonell, quen dará as claves para realizar esta selección e captación de persoal TI desde dous puntos de vista: o científico, que proporciona a psicoloxía do traballo, e desde a visión dos recursos humanos para conseguir resultados fiables e perdurables no tempo.
Debido a que no mercado TI hai moita máis oferta de emprego que candidatos dispoñibles, o que produce unha gran rotación nas empresas TIC, Carbonell sinalou que “falarei máis da parte emocional que da racional, pois o lado emocional é o que decide cando un está a gusto ou non nunha empresa e cando toma a decisión de quedarse ou marcharse”.
Carbonell analizará os valores, as motivacións, a personalidade e os intereses destes profesionais TI, dentro de tres grupos profesionais; os técnicos, os xefes de proxecto e os directivos. Tamén comentará as ferramentas clave que utilizan as empresas actualmente para reter e captar aos profesionais TI, e os instrumentos que se implantarán no futuro.
Entre os seus logros, Vitae entrevistou a máis de 14.000 profesionais e formou a más de 33.000, o 95 % do sector TI, polo que se definen como unha consultora especializada no lado humano da tecnoloxía.