1.448 son de acceso libre
O Consello da Xunta establece unha oferta de emprego público de 2.225 prazas
A oferta de emprego público da Administración xeral da Xunta de Galicia para o ano 2018 disporá dun total de 2.225 prazas, o que supón esgotar a taxa de reposición que permite o Estado neste ano e, ademais, triplicar a cifra de prazas ofertadas en 2017, segundo establece o decreto aprobado polo Consello da Xunta
A oferta de emprego público no eido da Administración xeral para 2018, aprobada este xoves -e que será publicada nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia-, súmase ás ofertas de emprego no eido sanitario –aprobada a semana pasada no Consello da Xunta– e no eido educativo, que xa foi aprobada e executada antes do inicio do curso escolar. En total, o número de prazas ofertadas este ano pola Xunta de Galicia chega a 5.736 prazas, o que supón a cifra máis alta desde o ano 2008.
Do total de prazas na Administración Xeral, 1.448 son de acceso libre, mentres que as 777 restantes están reservadas para a promoción interna do persoal da Xunta de Galicia, incluíndo neste apartado o primeiro proceso xeral de funcionarización do persoal laboral fixo que se fai na Administración galega.
Dentro do acceso libre, as novas prazas permitirán reforzar eidos de actuación prioritarios na Xunta de Galicia como os servizos sociais, a loita contra a fraude fiscal, o servizo de extinción e prevención de incendios, o asesoramento xurídico ou os servizos xerais e de administración. Por exemplo, a oferta de emprego aprobada hoxe inclúe 204 prazas de auxiliares (C2); 217 de persoal subalterno; 70 no servizo de prevención de incendios, na escala de bombeiro forestal (C2); 165 de auxiliares de clínica (C2); 55 de psicólogos (A1); 51 de educadores sociais (A2); ou 36 prazas de traballadores sociais (A2).
Dentro das prazas de acceso libre, unha parte -946 prazas- pode ofertarse grazas ao proceso de estabilización do emprego temporal, cumprindo os acordos existentes sobre o Plan de estabilidade no emprego dos servizos públicos, asinado coas organizacións sindicais CC.OO., UGT e CSIF.
O obxectivo da Xunta é situar a taxa de cobertura temporal no 7%, un obxectivo máis ambicioso que no conxunto do Estado. Os procesos de consolidación e estabilización que se convoquen faranse polo sistema de concurso-oposición a través dos correspondentes procesos selectivos.
Promoción interna e funcionarización
Ás prazas de acceso libre súmanse outras 200 prazas para a promoción interna de persoal funcionario, uns procesos reservados a empregados públicos que xa son funcionarios e que poden acadar un ascenso a postos de traballo de maior responsabilidade e retribución. Ademais, como novidade este ano, inclúense outras 577 prazas para o proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo. Hai que ter en conta que este será o primeiro proceso global de funcionarización que desenvolve a Administración galega en toda a súa historia, un proceso previsto na Lei de emprego público de 2015 e que foi pactado entre a Administración e os sindicatos en diversos acordos.
Con esta oferta de emprego público, que recibiu o voto favorable dos sindicatos UGT e CC.OO., a Xunta de Galicia ten ofertado xa máis da metade das 15.000 prazas comprometidas no Plan de estabilidade no emprego público para o período 2017-2020, asinado entre a Administración autonómica e as organizacións sindicais.
Discapacidade
A reserva de prazas para persoas que acrediten discapacidade nesta oferta de emprego público acada o 9,37% nas prazas de acceso libre, e unha parte delas será para o acceso de persoas con discapacidade intelectual. A reserva é maior do que establece a lexislación, que marca un mínimo do 7% para facilitar o acceso da discapacidade á función pública.
Personal funcionario en sanidade
Ademais desta oferta de emprego público da Administración xeral, o Consello da Xunta tamén deu luz verde a outro decreto de oferta de emprego público para persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria, cun total de 61 prazas. Entre as clases que serán obxecto de oferta destacan as de inspectores médicos, inspectores farmacéuticos ou farmacéuticos inspectores de saúde pública.