O sindicato reclama un cambio nas políticas económicas
O Comité Nacional de UGT-Galicia reclama á Xunta unhas contas públicas ao servizo das persoas
O Comité Nacional de UGT-Galicia -máximo órgano de dirección do Sindicato entre congresos e do que forman parte máis de 80 membros en representación das federacións de nacionalidade, das unións comarcais e da propia Executiva de UGT-Galicia- reuniuse este xoves en Santiago.
Nesta xuntanza aprobrouse unha declaración na que se apunta á necesidade de consolidar un pacto para rescatar á cidadanía galega vítima de oito anos de crise e seis de intensos recortes porque, do contrario, córrese o risco de caer nunha fonda fractura social.
Nunha nota remitida á prensa, indícase que a nova situación política en España e en Galicia vén marcada pola necesidade de acordos políticos e sociais. "É preciso mudar o rumbo, non é posible continuar con políticas sociais e económicas centradas na mera redución de gastos, que non teñen en conta as súas consecuencias sobre as condicións de vida da poboación traballadora e a sociedade en xeral", salienta o sindicato.
Por iso, o Comité Nacional de UGT-Galicia advirte que os gobernos deben abrir un proceso de diálogo social sen demora pero, tanto no eido do Estado como en Galicia, a cidadanía ten que ser consciente de que, para recuperar dereitos e avanzar, haberá que recorrer á mobilización, se non se abren espazos de diálogo concretos.
Di o comunicado que UGT non se vai resignar a que non se repartan parte dos beneficios que se están xerando, hai crecemento pero non hai redistribución. Por iso, se non se abren os espazos de diálogo demandados con resultados tanxibles, o sindicato continuará cos procesos de mobilizacións indefinidas e crecentes que poderían configurar un posible escensario de folga xeral.
Propostas
O Comité Nacional, en liña co documento presentado a todos os partidos políticos nas pasadas eleccións autonómicas, reclama un cambio das políticas económicas para consolidar un novo modelo de crecemento máis equilibrado e sostible, xerador de emprego de calidade, así como a diminución das desigualdades.
Para isto, UGT-Galicia demanda unhas contas públicas ao servizo das persoas. "A Xunta de Galicia debe renunciar ao austericidio e utilizar a nosa autonomía fiscal para incrementar os ingresos pero de maneira máis xusta e equitativa que a recollida nos orzamentos". Para iso, o sindicato propón subir os tipos impositivos para os tramos de renda máis altos, crear novos tributos e reducir as deducións actuais como fórmula de mellorar a sostenibilidade das contas públicas e non actuar só sobre os gastos públicos.
Debería, ademais, derrogar a Lei de Disciplina Orzamentaria, que limita o teito de gasto e obriga a destinar os ingresos a reducir a débeda, e recoñecer un chan de gasto social, que permita o mantemento de niveis de protección suficientes en servizos públicos esenciais.
Asemade, o sindicato ve "fundamental" reforzar a dotación orzamentaria e unha correcta asignación e xestión en dúas áreas prioritarias: investimentos e preservación e reforzamento do sistema de protección social e a prestación de servizos públicos de calidade, ampliando a protección social e os servizos sociais.