No que vai de ano, rexistráronse un total de 433 ofertas de emprego
Cogami alerta dunha diminución nas ofertas de emprego para o colectivo con discapacidade
O servizo de emprego de Cogami, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, detectou unha diminución nas ofertas de emprego lanzadas polas empresas, provocando o descenso de insercións laborais nun 16% neste colectivo.
No que vai de ano, rexistráronse un total de 433 ofertas de emprego remitidas polas empresas para contratar persoas con discapacidade, un 21% menos ca o ano anterior, sendo 730 as persoas contratadas, 143 menos que no ano pasado por estas datas.
A coordinadora da área de Emprego, Mª Carmen Ínsua, indica que esta diminución está relacionada coa actual reforma laboral e a modificación nos contratos de traballo. Ínsua sinala que, entre outros factores, “a modalidade fixo descontinua incrementouse como alternativa á contratación temporal nas empresas, o que provoca que xurdan incompatibilidades á hora de acceder ás bonificacións á Seguridade Social, incluso no período de inactividade, que limitan as posibilidades de mellora con novas oportunidades laborais para as persoas con discapacidade, xa que as empresas terían que agardar un tempo para acollerse a estas bonificacións”.
Un dos obxectivos da área de emprego de Cogami é sensibilizar ao empresariado galego sobre as capacidades deste colectivo, incorporando persoas con discapacidade nos cadros de persoal das súas empresas. Segundo explica Ínsua “temos que rachar con falsos mitos relacionados coa discapacidade e sensibilizar para que se vexan as capacidades da persoa, poñan en valor o seu talento e ofrezan oportunidades”.
O servizo de emprego de Cogami é un centro colaborador do servizo público de emprego de Galicia e autorizado como axencia de colocación. Nel traballan 50 profesionais de orientación laboral e axentes de emprego e conta actualmente conta con 17.614 persoas inscritas, todas elas cun certificado de discapacidade recoñecida do 33% como mínimo ou cun certificado de incapacidade laboral para profesión habitual.
A problemática derivada das dificultades de inserción deste colectivo é un feito que se estende ao longo do tempo. Por iso, as propias entidades representativas promoven a creación de iniciativas empresariais para ofrecer oportunidades laborais nun mercado que estaba herméticamente pechado á discapacidade. Así naceron os centros especiais de emprego que ten COGAMI empresarial: 10 iniciativas de economía social e comprometidas coas persoas, o coidado do medio ambiente, a responsabilidade social e a xeración de valor no país. En palabras de Rosa Gutiérrez, directora de negocio de Galega de Economía Social, “as nosas iniciativas sociais céntranse na persoa e non nos beneficios, colaborando na creación de emprego máis estable e de calidade”.