Realizan labores de traballo en diferentes puntos de Galicia coma Santiago, Rois, Moaña ou Vigo

Cobre San Rafael renova o seu compromiso coas ecobrigadas de Amicos

As ecobrigadas de Amicos, formadas por persoas con discapacidade intelectual, continúan as súas labores de traballo en diferentes puntos de Galicia a traves do acordo asinado con Cobre San Rafael.

 

Cobre San Rafael renova o seu compromiso coas ecobrigadas de Amicos
Participantes nas ecobrigadas amicos.
Participantes nas ecobrigadas de Amicos.

Esta alianza, xerada o pasado ano entre as entidades, axudou a que a Asociación Amicos prestara apoio e formación en emprego verde a máis de 30 persoas con discapacidade intelectual, e logrouse que 5 persoas acadaran un emprego de calidade e con miras cara ó futuro.

As ecobrigadas son un equipo multidisciplinar de persoas con discapacidade que combinan a innovación social e o coidado medioambiental para a execución de obras forestais, a prevención de incendios forestais, xardinería e bedelería. As persoas que forman parte das ecobrigadas reciben formación adaptada e son acompañadas durante todo o proceso para mellorar a súa empleabilidade.

Xoan España, director xeral de Amicos, sinalou que “grazas as ecobrigadas xéranse 35 postos de traballo de persoas con discapacidade intelectual”, onde “o esforzo, a superación é exemplo de que sempre se pode, demostran que sempre hai unha oportunidade para avanzar”. Ademáis, agradeceu a Cobre San Rafael pola renovación do acordo porque “é unha aposta por continuar na formación, na intermediación e no apoio das persoas con discapacidade para conseguir un emprego”.

Pola súa banda, Pablo Núñez, director de Relacións Instituionais de Cobre San Rafael, mostrouse orgulloso de “seguir apoiando a Asociación Amicos en todas as accións que fai” e describiu o labor da Asociación como “imparable” e de “primeiro nivel”.

A comezos de 2024 ambas entidades celebrarán a firma da renovación do convenio cunha xornada de recollida de residuos e sensibilización medioambiental con escolares nos concellos de O Pino e Touro.

Cobre San Rafael renova o seu compromiso coas ecobrigadas de Amicos