Ciclo de conferencias con profesionais de prestixio no ámbito das TIC
O CITIC e o Consello Social da UDC inician un programa para promover as vocacións tecnolóxicas
Este ciclo de conferencias, impartidas por antigos estudantes da Universidade da Coruña, terá lugar de forma online durante os meses de abril e maio, e inaugúrase este xoves 22 de abril con motivo da celebración do Día Internacional das Nenas nas TIC.
A través de charlas en liña ofrecidas por profesionais de recoñecido prestixio dentro do sector, búscase promover no alumnado o interese de cara ás disciplinas STEAM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas, polas súas siglas en inglés).
O ciclo é inaugurado pola investigadora, doutora en Informática e profesora na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, Ana Freire. É cofundadora do proxecto Wisibilízalas, premio Ada Byron Joven 2019 da Universidade de Deusto e foi seleccionada por Business Insider entre os 23 mozos españois de 35 anos ou menos chamados a liderar a revolución tecnolóxica.
A charla estará moderada polo subdirector do CITIC, Javier Pereira, e dirixirase a 100 estudantes de 4ª da ESO e 1º de bacharelato do Colexio Calasanz PP Escolapios da Coruña.
Coa iniciativa “Das TIC ao ceo”, o CITIC e o Consello Social suman forzas para contribuír ao fomento das vocacións tecnolóxicas, en liña cos seus obxectivos estratéxicos, e que se incorpora a outros proxectos postos en marcha na UDC como a implicación nos programas STEMbach e Inspira STEAM. Esta acción tamén pon en valor o talento coruñés para servir como referente á mocidade