Comparan as condicións de traballo coas da estiba
A CIG solicita á Administración que estableza coeficientes redutores da idade de xubilación no naval
A CIG vén de instar por escrito ao Ministerio de Traballo e Seguridade Social a que inicie os trámites legais para o establecemento de coeficientes redutores da idade de xubilación para os traballadores e traballadoras do sector naval.
A reinvidicación da Federación de Industria da CIG abrangue ao persoal das empresas do naval tanto de titularidade pública como privada, así como ás súas industrias auxiliares. "Facémonos eco dunha demanda do sector, onde existe a unánime convicción da necesidade desta medida, coñecedores como son das duras condicións do traballo e das múltiples patoloxías que van acumulando co tempo, que dan como resultado que a penosidade da actividade laboral aumente exponencialmente co paso dos anos", subliña a CIG-Industria.
Unha actividade moi esixente e con riscos
A Lei Xeral da Seguridade Social estipula que se poderá rebaixar a idade de xubilación naqueles grupos ou actividades profesionais nos que se fagan traballos excepcionalmente penosos, tóxicos, perigosos ou insalubres, que rexistren elevados índices de morbilidade ou mortalidade e nos que non sexa posíbel a modificación das condicións laborais.
Para fundamentar a petición, a CIG parte da comparación das condicións do persoal do naval coas que teñen os traballadores da estiba, por presentaren factores comúns e desenvolvérense en situacións similares. Ao igual que no sector da estiba, no naval o persoal ten que realizar tarefas fisicamente moi esixentes, nas mesmas ou semellantes localizacións e expostos a todo tipo de meteoroloxía.
Ademais, o sector naval reúne unha combinación de riscos como tóxicos, traballos en altura, espazos confinados, atmosferas explosivas ou desprazamentos de grandes cargas, que ocasionan que estea encadrada no regulamento dos servizos de prevención "como actividade perigosa aos efectos de coordinación de actividades empresariais".
Xunto a isto, hai que ter en conta o impacto nas condicións de traballo da eventualidade do persoal ou as consecuencias derivadas das prolongacións habituais de xornada e o réxime de traballo a quendas -incluído a nocturna.
Mención especial merece a problemática de saúde orixinada polo amianto, que ten provocado a existencia dun continxente de traballadores e traballadoras afectadas no sector naval, aínda en activo e sen cuantificar.
Proceso administrativo complexo
Neste senso, dende CIG-Industria entenden que o estudo destes factores, xunto coa análise da sinistralidade, morbilidade, minusvalías e incapacidades do persoal do naval, consideradas conxuntamente as derivadas de continxencias comúns e as derivadas das continxencias profesionais, así como a esperanza de vida deste colectivo laboral "resultará profundamente revelador da necesidade de implantar un sistema de coeficientes redutores e a anticipación da idade de xubilación".
Dende a Federación de Industria da CIG adiantan que, de admitirse a trámite a solicitude, a Administración terá que recoller os informes preceptivos dos organismos competentes e escoitar as organizacións sindicais e patronais máis representativas, antes de ditar resolución. "Iniciamos un procedemento administrativo que sabemos será prolongado", conclúen.