Do 29 de maio ao 8 de xuño
A Cámara de Santiago forma a empresas na xestión de redes sociais
A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela ten previsto iniciar a finais de mes dous cursos que forman parte da programación formativa do primeiro semestre sobre redes sociais e fiscalidade para axudar aos traballadores a reciclar os seus coñecementos nestas materias.
O director do Instituto de Medios Sociales e profesor asociado da Universidade de Santiago de Compostela (USC), José Sixto García, impartirá entre o 29 de maio e o 8 de xuño o curso “Redes sociais para xestión da miña marca persoal e empresarial”. Celebrarase nas aulas de formación da Cámara en horario de 19 a 21 horas.
Os asistentes ao curso comprenderán as características da web 2.0 e aprenderán a aproveitar as súas potencialidades para a súa propia empresa. Ademais, a formación ensinará a crear sinerxías empresariais mediante os recursos 2.0 e a súa correcta utilización identificando as opcións comunicativas e de marketing que ofrecen os medios sociais para achegar a clientes e proveedores, mellorando o feedback e a rendibilidade social.
José Sixto destaca que esta formación axudará a que os alumnos entendan o fenómeno da viralidade en Internet e o saiban aproveitar para mellorar os seus obxectivos empresariais. Outra finalidade básica do curso será aprender a xestionar as redes sociais desde a óptica empresarial, discernindo entre comportamentos persoais e de empresa e comprendendo todos os recursos dispoñibles tanto de participación como de mecanismos publicitarios. “Os empresarios analizarán as funcións dun community manager e valorarán a súa importancia no organigrama empresarial” –explica–. Ademais, poderán elaborar un plan de medios sociais no que se materialicen estratexias de consecución de propósitos en política comunicativa, cunha definición da marca empresarial ou persoal a través dun sitio web e das redes sociais, vendo máis alá de Facebook, Instagram e Twitter.
Outra das finalidades do curso é que os participantes interioricen as canles comunicativas bidireccionais sustentadas nunha política de xestión personalizada e individualizada mediante técnicas de marketing de relacións one to one.
Curso sobre o IRPF
A Cámara compostelá iniciará ese mesmo día 29 de maio un curso sobre o Imposto sobre a Renda de Persoas Físicas (IRPF) que impartirán Begoña Costa e Ana Barreiro da consultoría fiscal, laboral e contable C&B Asociados a ta o 1 de xuño, en horario de 19:00 a 21:30 horas.
O obxecto da formación é ampliar coñecementos básicos en fiscalidade para traballadores en activo que desexen reciclarse. O curso é eminentemente práctico polo que se desenvolverán exemplos para afianzar os conceptos teóricos.