Dentro do plan PICE
A Cámara de Comercio de Santiago impartirá un curso de community manager
A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela impartirá en xuño un curso de formación específica de community manager dentro do plan de capacitación do Programa Integral de Cualificación e Emprego (PICE).
O programa gratuíto PICE está composto por un conxunto de accións de orientación, formación e achegamento ás empresas que persegue a empregabilidade de mozos e mozas de 16 a 29 anos. Está deseñado a medida do perfil, intereses e grao de cualificación e capacitación dos máis novos e responde á demanda actual das empresas.
Celebrarase un curso de formación específica, do 4 ao 27 de xuño, sobre community manager e marketing dixital, en horario de 9 a 14 horas. Estará impartido polo consultor e formador en marketing online e offline, comunicación, liderazgo e xestión de equipos Javier Rocamora.
Os obxectivos da formación son adquirir os coñecementos necesarios para a posta en marcha dun plan de comunicación dixital, no que se incluirá a elaboración dun plan de comunicación, partindo dunha estratexia de elaboración de contidos; comprender que lugar ocupan as redes sociais dentro da engrenaxe do negocio; indagar para que serven as redes sociais e como encaixalas dentro do plan de negocio; coñecer outras redes sociais máis alá de Facebook, Instagram e Twitter; e saber desempeñar as funcións propias dun community manager: desde a xestión dos contidos nas redes á interacción, conversación, publicidade online e xeración de informes e estatísticas.
O Programa Integral de Cualificación e Emprego (PICE) é unha iniciativa integrada no Plan Nacional de Implantación da Garantía Xuvenil que conta con financiamento do Fondo Social Europeo.