A previsión da Xunta é que estea en marcha na primavera de 2022
A Axenda Galega de Capacidades para o Emprego sincronizará oferta e demanda
A Axenda Galega de Capacidades para o Emprego ten como obxectivos formar aos traballadores para unha economía en transformación, a través de itinerarios modulares e competencias transversais; reforzar a implicación dos axentes públicos e privados, incluídas as pemes e micropemes; e crear unha bolsa de traballadores preparados para desempeñar as funcións que pilotarán o crecemento da nosa economía nas vindeiras décadas.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, precisou que esta axenda abrirase, a partir de agora, ás conclusións das mesas de traballo convocadas, coa previsión de poñela en marcha de xeito definitivo na primavera de 2022. Todo elo co fin de dar un pulo á formación dos colectivos vulnerables para que poidan atopar a súa oportunidade; relanzar a capacitación dos traballadores que modernizarán sectores cun forte arraigo como a construción, o turismo, a hostalaría e o comercio; preparar aos traballadores da economía azul -pesca, naval, renovables mariñas-, da economía verde -forestal, agroalimentario e renovables-, doutras industrias tractoras -automoción, aeronáutico e metalúrxico- e do sector da loxística; e relanzar postos de traballo vinculados á economía dixital, o sector das TIC e á transformación das pemes.
Nesta liña, recordou que en paralelo a esta folla de ruta, a Xunta está a desenvolver outras iniciativas, como a modernización do Servizo Público de Emprego, a través da modernización das oficinas e cun novo software de xestión que cruza os datos dispoñibles para ser máis eficaces; o Campus Virtual, que abrangue a oferta formativa de 1.000 centros e aspira a chegar a 15.000 alumnos cada ano; e a aposta pola formación específica a colectivos prioritarios como desempregados ou mulleres do rural.
Pola súa banda, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, explicou que a Axenda de Capacidades estará centrada “na consecución dun sistema de colocación para o emprego eficaz; na optimización dos medios destinados á unha cualificación profesional útil; e na mellora da estabilidade, consolidación e crecemento das empresas galegas”. O propósito é “mellorar a eficiencia do emparellamento entre a demanda e a oferta de emprego, ao tempo que se aposta pola retención do talento da nosa poboación e pola atracción do talento estranxeiro”, apuntou.
185 millóns para formación
Feijóo incidiu na aposta da Xunta por dar un novo pulo á formación laboral na Comunidade. Un compromiso, subliñou, reflectido nuns orzamentos expansivos de 380 millóns de euros para a Consellería de Emprego e Igualdade. “E un compromiso sen precedentes pola formación para o emprego que se substancia en 185 millóns de euros reservados só pola Consellería de Emprego e Igualdade nas contas autonómicas”, engadiu.