Para menores de 30 anos e mulleres desempregadas
A Asociación Área Empresarial do Tambre pon en marcha un novo Programa Integrado de Emprego
A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inicia unha nova edición do Programa Integrado de Emprego 2022/23, financiado pola Xunta de Galicia con fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal, con 100 participantes, menores de 30 anos con baixo nivel de estudos e mulleres desempregadas con diferentes niveis formativos.
O aspecto esencial do Programa Integrado de Emprego da Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) céntrase nas accións de orientación e intermediación laboral para a inserción dos participantes, que axudarán a potenciar a súa confianza, reforzar a súa motivación e enriquecer os seus contactos sociolaborais. Ademais, esta orientación laboral servirá para que os participantes coñezan novas técnicas de procura de emprego, realización de currículos ou a preparación de entrevistas de traballo.
O programa, que se desenvolverá ata o mes de novembro, conta tamén cunha dimensión formativa, coa programación de accións sobre motivación, habilidades comunicativas, idiomas ou informática, destinadas a mellorar a empregabilidade dos participantes. Outra cuestión que se traballa no programa é a realización de prácticas profesionais non laborais en empresas da contorna para que os participantes adquiran habilidades e hábitos de traballo. A asociación considera que as prácticas son unha actividade moi aceptada polas empresas, xa que lles permite testar a integración dos candidatos no ambiente da empresa.