Entre os participantes no Programa Integrado de Emprego 2020/21
A Asociación Área Empresarial do Tambre facilitou a xestión de 113 contratos
A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) está a finalizar o Programa Integrado de Emprego 2020/21, no que participaron un cento de desempregdos e durante o cal se asinaron 113 contratos de traballo, con maior índice de inserción nos sectores da loxística, almacenamento e hostalaría.
Nesta edición do programa integrado de emprego, a Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) traballou con 100 participantes, mozos e mozas menores de 30 anos con baixo nivel de estudos e mulleres desempregadas con diferentes niveis formativos.
O programa, que comezou en novembro de 2020, contou tamén cunha dimensión formativa sobre preparación de pedidos, prevención de riscos laborais, atención ao cliente, venda e marketing online, de dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil, entre outras temáticas. Realizáronse un total de 27 accións presenciais, que sumaron unhas 708 horas de formación, ademais das 160 acción en liña impartidas durante 5.150 horas na plataforma online.
Outra cuestión que se traballa no programa é a realización de prácticas profesionais non laborais en empresas da contorna para que os participantes adquiran habilidades e hábitos de traballo. Nesta edición, vinte persoas realizaron estas prácticas asociadas á formación de preparación de pedidos e atención ao cliente.
O programa estivo financiado pola Xunta de Galicia con fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal, a través do servizo de Programas Mixtos da Dirección Xeral de Formación e Colocación.