O programa formativo está especializado en traballos relacionados co rural
Agroemprega supera o 60% de inserción laboral
O Programa Integrado de Emprego Agroemprega, promovido polos concellos de Tomiño e O Rosal co apoio da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal, afronta a súa recta final superando o 60% de inserción laboral.
O Programa Integrado de Emprego Agroemprego arrancaba en marzo cun ambicioso programa para formar a 100 persoas desempregadas en traballos relacionados co rural e “ofrecer á veciñanza unha oportunidade de formación gratuíta para mellorar as súas habilidades para acceder ao mercado laboral nun sector puxante na comarca”, sinalaron tanto a alcaldesa tomiñesa, Sandra González, e a rosaleira, Ánxela Fernández Callís.
Seis meses despois máis do 60% de inserción laboral confirma que a fórmula funciona. Para acadar este éxito, o programa completou a formación ofertada con contactos con máis de 30 empresas da zona, a sinatura de convenios de colaboración e cun traballo de intermediación e xestión de ofertas laborais. Entre as 100 persoas integrantes do programa destaca a participación de mulleres (57%), así como de colectivos prioritarios de desempregados como persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, menores de 30 anos sen cualificar, paradas e parados de longa duración ou persoas perceptoras de RISGA e RAI. A media de idade foi de 45 anos, tendo a persoa participante máis nova 18 anos e a de maior idade 66.
En total foron 700 horas de formación en especialidades como cultivo de flores e plantas ornamentais en xardinaría, abonos e fertilizantes, técnicas de rega e de poda, uso profesional de fitosanitarios, cultivo baixo abrigo, sementeira de sementeiros, multiplicación vexetativa de ornamentais, sector vitivinícola, produción integrada de froiteiras e hortalizas ou plantas aromáticas e medicinais que se completaron, por exemplo, con cursos de prevención de riscos laborais específicos de viveiros, de tractor ou de almacén e control de stocks, manipulador de alimentos ou carretilla elevadora. A todas estas iniciativas sumáronselle accións formativas máis transversais de alfabetización dixital, mobilidade laboral, igualdade, emprendemento, busca activa de emprego ou habilidades sociolaborais.
As rexedoras destacan que “na nosa comarca o agro é un nicho de creación de emprego e de fixación de poboación no rural e nós debemos colaborar no que poidamos para potencialo ao máximo, xa que é un sector estratéxico e de futuro para os nosos concellos”. “Foi un orgullo ver a grande acollida que tivo o programa cando comezou, pero o é aínda máis ver os resultados que se están obtendo”, aseguran.
Formación específica para unha nova empresa da comarca
Neste tramo final o Programa Integrado de Emprego de Galicia, Agroemprega, contará cunha formación adicional de 50 horas deseñada especificamente para unha empresa de nova apertura na que as 10 persoas participantes realizarán prácticas profesionais non laborais con compromiso de contratación. Ademais, nestes intres xa realizaron prácticas en empresas da contorna outros 14 integrantes do programa, o que lles permitiu “non só poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante a formación en viveiros e adegas, senón tamén, en moitos dos casos, saír do programa cun contrato laboral”.
Agroemprega está a desenvolverse entre os Concellos de Tomiño e do Rosal, aínda que ten a súa sede de execución no Centro de Formación Ocupacional do Regatiño, en Goián, onde se levan a cabo as accións de información, orientación e asesoramento por parte de dúas técnicas de orientación e prospección laboral, así como das técnicas de emprego local de Tomiño e O Rosal e a orientadora laboral tomiñesa. Un completo equipo de orientación e inserción laboral que realizou máis de 400 accións de atención individualizada ao longo destes meses.