Pactado entre CCOO, UGT e a patronal
Acordo para reducir en dous días de traballo a recuperación dos permisos retribuídos na construción coruñesa
O acordo conta co visto e prace tanto da Federación de Construción e Servizos de CCOO como da UGT (non así da CIG). Grazas a este pacto, uns 20 000 traballadores e traballadoras do sector na provincia da Coruña non terán que prolongar a xornada durante o verán, nin tampouco traballar festivos ou fins de semana
Con este pacto, os traballadores da construción da provincia da Coruña só deberán recuperar 48 das 64 horas de permiso retribuído. Isto é, dos oito días que durou o dito permiso ( 30 e 31 de marzo e 1, 2, 3, 6, 7 e 8 de abril) só deberán recuperar un máximo de seis.
O acordo implicou tamén unha modificación do calendario anual. Deste xeito, quedan como días non laborais: 7 de xaneiro (festivo de convenio xa gozado); 24 e 25 de febreiro (festivos de convenio xa gozados); 13 de abril (festivo de convenio xa gozado); 24 de decembro (festivo de convenio pendente de gozar). Asemade, elimínanse do calendario anual seis dos oito festivos de convenio: 24 de xullo; 14 agosto; 30 de outubro; 7, 30 e 31 de decembro.
Esta proposta só será de aplicación nas empresas afectadas polo permiso retribuído recuperable cuxos cadros de persoal estivesen dados de alta na data de recuperación. Polo tanto, non se aplicará nas empresas afectadas por ERTE antes da entrada en vigor do dito permiso, nin tampouco naquelas consideradas como servizos esenciais —como as de mantemento de autoestradas—, nin tampouco a contratacións posteriores ao pasado 8 de abril.