As obras supuxeron un investimento de 1,5 millóns de euros
Abre a oficina de emprego no Espazo Amizar da Coruña
A nova oficina de emprego permitirá atender aos veciños e veciñas dos barrios coruñeses de Monte Alto, a Cidade Vella e o Ensanche. Conta con case 700 metros cadrados, 200 metros máis que a oficina de Orillamar, polo que, en palabras da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, o novo espazo mellora a súa capacidade e a calidade de atención.
Un total de 15 traballadores do Servizo Público de Emprego de Galicia e nove do estatal atenderán aos demandantes de emprego, proporcionándolles os servizos que precisen para o desenvolvemento da súa traxectoria persoal. “A nova oficina de emprego constitúe un novo fito no eido da intermediación laboral en Galicia, que exemplifica o compromiso da Xunta de ofrecer servizos máis próximos e de maior calidade aos cidadáns”.
Así, este investimento de 1,5 millóns de euros súmase as obras que se fixeron en 2016 na oficina de emprego de Tornos (preto de 415.000 euros) e aos máis de 700.000 euros que se destinarán este ano á reforma integral da de Monelos. Así, en total, o investimento da Xunta na cidade herculina para a mellora do Servizo Público de Emprego suma máis de 2,6 millóns de euros nos últimos anos.
Ademais, a estes 2,6 millóns de euros engadirase este ano outro millón de euros máis que está reservado para a reforma integral do local que acollerá a nova oficina de emprego de Cee, cuxo proxecto xa está rematado e, neste 2022, está previsto a licitación da obra.
Modernización do Servizo Público de Emprego
Estes proxectos forman parte dun plan global que está acometendo a Xunta en toda Galicia para a modernización do Servizo Público de Emprego. Así, no marco da reforma integral das oficinas de emprego de Galicia, a Xunta vén de iniciar, o pasado mes de decembro, os trámites para a licitación dun novo sistema de información, que baseado na intelixencia artificial, permitirá en tempo real axustar a oferta á demanda de emprego. Trátase de mellorar o índice de colocación no mercado laboral galego, para o que o Goberno galego destinará 5,7 millóns de euros.