Proveranse polo sistema de oposición
Aberto o prazo para inscribirse nas oposicións para 90 prazas na Administración galega
A Xunta de Galicia abre o luns 20 de xuño o prazo para inscribirse nas oposicións para 90 prazas de emprego público. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria para o corpo de Xestión A2 polo sistema de oposición libre.
Estas prazas corresponden ás Ofertas de Emprego Público (OEP) dos anos 2020 e 2021 e forman parte das 720 prazas de emprego público que se cubrirán polo sistema de oposición libre anunciadas no mes de marzo. Destas 720 un total de 333 xa foron convocadas o pasado mes de abril. As restantes, correspondentes aos subgrupos A1, C1 e C2 da administración xeral, convocaranse ao longo deste mes de xuño.
A Consellería de Facenda e Administración Pública propón esta medida co obxectivo de rexuvenecer os cadros de persoal da Administración Autonómica e tamén para ofrecer unha oportunidade de emprego estable tanto a aqueles mozos e mozas que remataron os seus estudos recentemente como ás persoas sen experiencia profesional na Administración.
Estas convocatorias son adicionais ás dos procesos de estabilización de emprego que se desenvolven ao abeiro da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público que se publicaron a finais de maio.