A Xunta de Galicia oferta 202 prazas, 157 delas de acceso libre
Aberta a inscrición nas oposicións para traballadores sociais, psicólogos e terapeutas ocupacionais
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o venres 8 de novembro as convocatorias destes procesos selectivos que forman parte da convocatoria de emprego social e reforzarán eidos prioritarios como os centros de maiores, centros de día ou atención á discapacidade e á muller.
O DOG do venres recolle as convocatorias de 89 prazas de traballadores sociais, a convocatoria con maior volume de prazas desde 2006 cando se convocaron 19; 63 para psicólogos, a última convocatoria tamén se realizou no ano 2006 con 27 prazas; e recolle por primeira vez na Xunta a convocatoria de 50 prazas para terapeutas ocupacionais.
Todas estas convocatorias realízanse de forma diferenciada, por un lado as de persoal funcionario, e por outro as de persoal laboral –para prazas de profesionais declarados indefinidos antes das entrada en vigor do Estatuto Básico do empregado Público (EBEP)-.
A maioría das prazas (157) son de acceso libre e poderá acceder a elas calquera persoa que cumpra os requisitos e queira acceder a un emprego fixo e de calidade na Administración galega. Ademais, as prazas de promoción interna que non quedan cubertas sumaranse ás de acceso libre. Todas estas prazas son independentes e adicionais ás prazas sanitarias para hospitais ou centros de saúde convocadas polo SERGAS.
O sistema selectivo realizarase a través do concurso-oposición e desde a publicación da convocatoria ata a realización da primeira proba haberá un prazo mínimo de seis meses, para que as persoas inscritas poidan preparar as probas. Os primeiros exercicios dos procesos selectivos de persoal funcionario serán simultáneos e coincidentes cos do persoal laboral.
20 días hábiles para anotarse
O prazo de inscrición remata o día 9 de decembro co que as persoas interesadas en participar nos procesos selectivos terán 20 días hábiles para anotarse, utilizando o modelo de solicitude que se facilita gratuitamente na web da Xunta de Galicia e aboando a taxa correspondente.