É a convocatoria con maior dotación económica dos últimos dez anos, 34 millóns de euros
94 obradoiros de emprego facilitarán formación e un contrato a 2.000 desempregados
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada do delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, visitou este venres o obradoiro de emprego sobre repoboación forestal e tratamentos silvícolas dos concellos de Outes, Noia e Lousame, onde destacou a importancia destas ferramentas para formar e dar a posibilidade de acceder a un emprego ás persoas participantes.
Tal e como remarcou Lorenzana “os obradoiros de emprego permiten dotar a nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolver un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. Una vez rematados, dixo, “contemplan a opción de traballar nunha empresa da contorna, a xornada completa, por un mínimo de tres meses, a través dos incentivos á contratación concedidos desde a Administración autonómica”.
Obradoiros duais
A Xunta vén de reforzar a convocatoria deste ano de obradoiros duais, co maior orzamento da década, o maior número de accións e de persoas beneficiarias. En palabras de Lorenzana “este ano acadamos realzar unha aposta sen precedentes polos obradoiros de emprego, como xeito de entender a simbiose entre a formación e o emprego”. Lembrou que na actual convocatoria se acadan múltiples cifras récord: en canto a orzamento, o maior da década con 34 millóns de euros, que permitirán celebrar un total de 94 obradoiros en toda Galicia -tamén a maior cifra desde 2009- e chegar a preto de 2.000 persoas, co que se incrementa en máis dun 50% o número de participantes respecto ao ano pasado e acadando tamén a cifra máis elevada dos últimos dez anos.
“Tras cada participante hai proxectos vitais que precisan do noso apoio e que agora van a ser dotados de novas posibilidades laborais, con oportunidades de traballo que teñan en conta a realidade económica e social da súa localidade ou comarca; promovendo así o emprego local e a fixación poboación no municipio do que forman parte”, remarcou a conselleira.
A convocatoria 2021-2022 permitirá desenvolver un total de 94 actuacións e atender á totalidade das solicitudes achegadas polas entidades. A Xunta concedeu 26 obradoiros na provincia da Coruña, 20 na de Lugo, 28 a Ourense e 20 na provincia de Pontevedra.
Máis que formación
As persoas desempregadas que participan nestes programas -desenvolvidos por concellos, mancomunidades e entidades sen ánimo de lucro do sector forestal- poden acceder ao longo de 9 meses a unha formación de calidade con opción a obter un certificado de profesionalidade e un contrato de traballo. Unha vez remata o obradoiro, teñen oportunidade de traballar nunha empresa da contorna por un mínimo de tres meses cun contrato a xornada completa. Para este fin, a Xunta concede incentivos á contratación.
Con esta ferramenta incídese ademais na inserción no mercado laboral de persoas en situación de especial dificultade, entre outras, emigrantes retornadas; mulleres; vítimas de violencia de xénero; persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego; paradas de longa duración; con discapacidade; maiores de 45 anos; ou traballadoras e traballadores que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior.
A Xunta, neste marco, fomenta os programas que inclúan formación forestal, como o que visitou este venres a conselleira de repoboación e tratamentos silvícolas promovido polo Concello de Outes, en convenio cos municipios de Noia e Lousame. No mesmo formáronse un total de 20 alumnos-traballadores, 5 mulleres e 15 homes. A metade dos participantes teñen unha idade comprendida entre os 18 e 24 anos. A Xunta investiu nesta actividade un total de 346.946 euros.