A través do "PracticumDepo 2019"
92 estudantes pontevedreses de FP poderán optar a prácticas en empresas e institucións europeas
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou na súa reunión do pasado venres o programa “PracticumDepo 2019”, a través do cal unha ducia de docentes viaxará a Europa para afondar no seu coñecemento sobre os métodos e procedementos educativos que realizan nos países incluídos neste proxecto de mobilidade internacional.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, explicou que nesta cuarta edición do “PracticumDepo”, que ten unha duración de 24 meses (ata maio do 2021), os destinos europeos nos que os alumnos e alumnas de ciclos medios de Formación Profesional realizarán as súas estadías serán Reino Unido, Irlanda, Italia, Portugal, Malta, Alemaña, Romanía, Bulgaria, Polonia, Grecia, Eslovenia, Finlandia, Países Baixos e Islandia e, como novidades, Chipre, Eslovaquia e Francia.
Silva engadiu que estas 104 mobilidades teñen como obxectivo facilitar aos mozos e mozas que cursan FP a súa integración no mundo laboral a través de prácticas noutros países europeos, que se inclúen dentro da convocatoria de propostas 2019 do programa Erasmus+. O orzamento desta edición supera os 672.000 euros, dos que 509.000 son aportados polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) e preto de 163.000 euros a Deputación pontevedresa.
"Levamos xa 400 mozos e mozas facendo este tipo de proxectos Erasmus. Trátase de que no momento de que a xente teña formación, poida ter máis recursos para unha maior empregabilidade”, destacou a presidenta provincial.