Un terzo do alumnado que participa no foro atopa traballo
40 empresas acudirán ao Foro Tecnolóxico de Emprego da Universidade de Vigo
O Foro Tecnolóxico de Emprego da Universidade de Vigo chega á súa 20ª edición co mesmo obxectivo co que naceu: abrirlle as portas ao mundo laboral ao alumnado das titulacións tecnolóxicas e axudalos a orientar os seus estudos. “Un ano máis queremos ofrecerlle a estes estudantes a posibilidade de relacionarse con diferentes empresas do sector, entregar o seu currículo, ensinarlle os mellores xeitos de afrontar unha entrevista de traballo ou como deixar a un lado o medo de adentrarse no mundo laboral”, explica Candela Janeiro, estudante da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación que, tras varios anos formando parte da organización, este ano asumiu a coordinación xeral dun foro, “organizado por e para o propio alumnado”.
Este ano hai varias novidades, aos dous obradoiros pre-foro existentes engadíuselles un máis sobre como afrontar unha entrevista de traballo e outras actividades con información variada sobre os distintos procesos de selección das empresas. “A nosa idea é ir completando a formación dos estudantes para que cheguen preparados ao día do evento”, salienta a coordinadora.
Tamén como novidade as temáticas das conferencias e talleres deste ano foron escollidas polo alumnado das escolas, o que consideran que axudará a aumentar a participación nas charlas, e a recollida dos CV fíxose en liña para axilizar o proceso, sen esquecer a axuda ofertada por un dos patrocinadores no tema da reciclaxe.
40 empresas confirmadas
Empresas como Optare, Deloitte, Brainport, Cortizo, os diferentes colexios profesionais, Indra, Televés, R, Altia, Pescanova ou Finsa, entre outras, son xa veteranas no foro, e a elas súmanse novas incorporacións como o grupo Oesía, GBTec, Egatel ou PWC, en total hai confirmadas arredor dunhas 40 firmas. Ademais, no que se refire aos patrocinadores, este ano hai que engadir a Frutas Nieves e Redivivus, “xa que nesta edición queremos implicarnos máis co coidado do planeta, por iso é importante a súa axuda para mellorar a reciclaxe durante o evento”. En canto aos currículos, estímase que o pasado ano se recolleron ao redor de 1.500, segundo datos das empresas participantes. Nesta edición, a novidade de poder facer entrega do currículo en liña puido levarse a cabo grazas a un sistema “moi áxil e sinxelo co cal o alumnado poderá enviarlle o currículo ás empresas de forma inmediata”. Así e todo, a opción de facer entrega dos CV en papel segue a ser posible.
Ademais das novidades pre-foro, o foro contará, como cada ano, con distintas actividades. Nos vestíbulos da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e na Escola de Enxeñería Industrial, as empresas disporán dun espazo para colocar os seus postos, onde “ofertarán bolsas e proxectos e onde darán a coñecer a súa forma de traballo”. Tamén haberá mesas redondas, conferencias e workshops nos que será posible facer intercambios de ideas, e conferencias de carácter teórico onde se exporán avances e produtos novidosos”, xunto con dúas sesións de ‘speed recruiting’, “sesións de recrutamento rápido que tanto éxito tiveron na pasada edición”.
Segundo as enquisas realizadas a participantes doutras edicións, Candela Janeiro afirma que “un terzo do alumnado que participa no foro atopa traballo e un 40% recoñece ter orientado os seus estudos grazas ás recomendacións das empresas”. Estas porcentaxes residen no “traballo en equipo, no esforzo, na ilusión e nas ganas de seguir mellorando ano a ano”, conclúe Janeiro.