Recibiron formación troncal e específica na Cámara de Santiago
40 alumnos do Programa PICE reciben os seus diplomas
A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela entregou os diplomas aos 40 alumnos da formación troncal e específica do plan de capacitación do Programa Integral de Cualificación y Empleo (PICE), nun acto que estivo presidido polo presidente da Cámara, Jesús Asorey, o secretario xeral, Fernando Barros, e a técnico de Formación e Emprego, Isabel Garrido.
O programa PICE está composto por un conxunto de accións de orientación, formación e achegamento ás empresas que persegue a empregabilidade de mozos e mozas de 16 a 29 anos. Está deseñado a medida do perfil, intereses e grao de cualificación e capacitación dos máis novos e responde á demanda actual das empresas.
Dentro do plan de capacitación do PICE, celebráronse entre os meses de abril e un cursos de formación troncal e tres de formación específica, todos gratuítos. Ofreceuse orientación en temas de empregabilidade, con información referente a habilidades persoais e sociais, competencias dixitais para a busca de emprego e idiomas.
En relación á formación específica, para o que foi preciso cursar primeiro a formación troncal, organizouse un curso práctico de xestión laboral e administración de persoal con nocións de contratación, nóminas e seguros sociais.
O Programa PICE é unha iniciativa integrada no Plan Nacional de Implantación de la Garantía Juvenil do Ministerio de Empleo y Seguridad Social que conta con financiamento do Fondo Social Europeo e da Cámara de Comercio de Santiago.