A Deputación de Pontevedra fai balance deste proxecto
136 dos participantes no "DepoIntegra Xoven" xa están traballando
O proxecto da Deputación de Pontevedra “DepoIntegra Xoven” chega ao seu fin e faino cunha participación de 487 persoas que cursaron algúns dos seus 37 cursos para acadar certificados de profesionalidade.
O “DepoIntegra Xoven” é un proxecto que contou cun orzamento de máis de 2,5 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo nun 91,89%, dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil. O seu obxectivo é acadar a inserción sostible no mercado de traballo da mocidade da provincia de Pontevedra, a través de itinerarios formativos e prácticas non laborais en empresas.
Aínda que o programa chegou a 487 persoas, realizaron a formación preto de 350, das que máis da metade foron mulleres, concretamente 174. Deste total de 346 persoas que remataron máis do 75% da formación xa están traballando 136 persoas. Amais, en canto a persoas que recibiron algún tipo de oferta de traballo o número é de 146.
Os principais obxectivos deste proxecto, que se estendeu entre o ano 2017 e 2019, son a integración sustentable no mercado de traballo de persoas desempregadas entre 16 e 30 anos; a realización de actividades formativas constituíntes de itinerarios integrados dirixidos á obtención de certificados de profesionalidade en diferentes localizacións da provincia; a realización de formación complementaria e transversal como diferentes idiomas, novas tecnoloxías ou igualdade deoportunidades; favorecer a participación das mulleres, persoas paradas de longa duración e colectivos en risco de exclusión social, e garantir a non exclusión por motivos sociais, por nivel formativo, por razóns de xénero e por lugar de residencia, de ningunha persoa que responda ao perfil de destinataria.
Os cursos, que tiveron lugar nas comarcas do Baixo Miño, Deza, Pontevedra, O Salnés e Vigo, estiveron relacionados coa informática, programación, desenvolvemento de aplicacións web; comercio e marketing; dinamización, ocio te tempo libre; perruquería, almacén, carnicería/peixería; caixa de comercio, instalacións eléctricas; acompañamento de transporte escolar e primeiros auxilios; condución profesional de vehículos; hostalería e cociña.