"Programa de Acompañamento á Inserción Laboral da Mocidade. Reiníciate: enfoca o teu futuro"
100 inscritos no novo plan de emprego de Deputación de Lugo e EOI
O programa "Reiníciate: enfoca o teu futuro" arrancará a semana que vén coas cinco primeiras actividades de formación gratuíta.O luns 17 de xaneiro darán comezo as formacións de "Auxiliar de xestión informática especializado en licitacións e subvencións públicas", "Xestión comercial e márketing" e "Márketing dixital e redes sociais". Os tres rematarán o 14 de marzo. O 10 de febreiro comezarán os programas "Comunity manager e márketing dixital" e "Auxiliar de xestión informática para pemes e asociacións", que rematarán o 7 de marzo. Cada programa ten unha capacidade de 15 persoas. Aínda restan dispoñibles 300 prazas, que poden solicitarse na web empleojovenlugo.es
Este programa, que se prolongará durante un ano e que forma parte do Plan de Impulso da Economía da Provincia lanzado pola Deputación de Lugo para favorecer a reactivación do tecido produtivo fronte ao impacto da pandemia, dispón de máis de 400 prazas destinadas para a mocidade dos 67 concellos da provincia que estean en situación de desemprego. Deben ter entre 16 e 30 anos e atoparse inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil para poder participar.
Promovido pola institución provincial e a Escola de Organización Industrial (EOI), este plan de emprego conta cun orzamento que supera o millón de euros, achegados nun 85,9% (930.254 euros) pola Escola de Organización Industrial a través do Fondo Social Europeo. A Deputación de Lugo asume o 14,1% restante (152.695,95 euros). Un programa que dá continuidade ao Reiníciate: dixitaliza a túa empresa, que tamén puxeron en marcha ambas entidades e que está tendo moi boa acollida entre as empresas da provincia.
O presidente provincial, José Tomé, explicou que o obxectivo deste programa é darlle á mocidade “ferramentas para axudarlles a encontrar traballo, ofrecéndolles para iso información especializada, teórica e práctica, naqueles ámbitos que hoxe en día máis se reclaman no mundo laboral”. Nese sentido, Tomé detallou que “é unha formación que responde á necesidade real de perfís profesionais que se están demandando, é dicir, os que máis expectativas de inserción laboral teñen”.
Prácticas remuneradas
Este novo programa da Deputación e a EOI inclúe ata tres meses de prácticas non laborais que serán remuneradas. O alumnado poderá completar a súa formación tanto en empresas como en asociacións da provincia cobrando uns 700 euros ao mes durante este período.
Tomé Roca puxo en valor que “grazas a este programa os participantes mellorarán a súa capacidade e aptitudes para encontrar un traballo e, ao mesmo tempo, as empresas e entidades da nosa provincia, coa incorporación deste tipo de perfís profesionais, poderán mellorar a súa actividade, ser máis eficientes, ter máis recursos para optar a procesos de concorrencia pública e ser máis áxiles nos seus procedementos administrativos e no mundo dixital”.
“A previsión coa que traballamos é que a inserción laboral deste programa sexa, polo menos, dun 25% dos participantes. É dicir, que uns 100 mozos e mozas consigan un emprego ao rematar este programa. Esta é unha previsión, pero oxalá poidamos superar esa porcentaxe”, recalcou o mandatario provincial.