O quinto documento deste tipo comprometido este verán con municipios pontevedreses
A Zona Franca redactará o plan estratéxico de Caldas, Catoira, Cuntis e Ponte Caldelas
O traballo comezará cunha diagnose estratéxica con toda a información e datos obxectivos dos municipios e a súa contorna. Analizarase a economía, o tecido empresarial e a situación social, demográfica, tecnolóxica ou ambiental, así como a repercusión da crise ocasionada polo covid-19. A información sintetizarase nunha matriz DAFO, cun informe final que incluirá cada sector, áreas económicas e o futuro potencial que teñen os concellos asinantes e a súa repercusión no desenvolvemento económico no seu contorno.
O plan, tal e como indicou o delegado da Zona Franca, “terá una duración máxima de catro anos e terá a visión dos expertos e da economía da zona para recompilar opinións, percepcións e ideas de axentes e entidades público-privadas relevantes sobre a situación actual e os retos futuros. Tamén se estudarán casos de éxito, modelos similares no mundo, para traer eses exemplos que poidan ser inspiradores.”
O alcalde de Caldas de Reis sinalou que “un plan estratéxico supramunicipal é unha ferramenta imprescindible para o desenvolvemento ordeado da comarca, que nos vai permitir alcanzar altas cotas de desenvolvemento socioeconómico, mellorar o empleo e a calidade de vida.”
Pola súa banda, o rexedor de Ponte Caldelas, indicou que "este tipo de proxectos son moi favorecedores para a economía local porque axudan a mellorar a competitividade do pequeno comercio, un comercio de proximidade que enriquece os municipios rurais e mantenos vivos, permitindo atraer máis poboación e evitando o despoboamento rural. Ademais, en Ponte Caldelas, onde contamos co Polígono Empresarial de A Reigosa, interésanos seguir traballando no asentamento de empresas que sigan xerando postos de emprego para a nosa veciñanza"
Os alcaldes de Catoira e Cuntis coincidiron en afirmar a importancia da colaboración das institucións públicas xa que proxectos como este, que permitirán analizar a economía dos diferentes concellos, servirán para servirán para poñer en marcha novos proxectos que supoñerán un impulso á economía coa consecuente creación de postos de traballos.
Este é o quinto plan estratéxico que compromete elaborar o Consorcio da Zona Franca de Vigo este verán, logo dos anunciados para Pontevedra, O Val Miñor, O Salnés e Arousa, e Silleda.