A Xunta promove a colaboración empresarial para desenvolver novos proxectos no sector da automoción
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou en Vigo nunha xornada organizada por Ceaga de cara a avanzar na elaboración do Plan de competitividade do ecosistema de automoción e mobilidade de Galicia 2030.
O encontro de traballo, no que tamén participaron o secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, conta co apoio da Xunta, a través do Igape, no marco da liña de axudas de Obradoiros destinada a promover a colaboración entre empresas para desenvolver proxectos que aposten pola dixitalización, a sostibilidade e a loxísitica avanzada.
Toca sinalou que “estes obradoiros son espazos de encontro entre empresas para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración que dean lugar a iniciativas de implementación de ferramentas colaborativas sectoriais”.
Desde a súa posta en marcha no 2018, a Xunta destinou preto de 2,2 millóns de euros a esta liña, promovendo ata 125 talleres que sumaron máis de 1.250 asistentes.
Neste contexto, a directora do Igape avogou por manter e reforzar a colaboración público-privada, da que puxo como exemplo aos clústeres galegos como Ceaga, na procura de seguir contribuíndo a mellora competitiva do tecido empresarial galego, en particular do sector da automoción. Unha industria, defendeu, “estratéxica” ao representar o 14% do PIB da Comunidade e xerar arredor de 30.000 empregos de forma directa e indirecta.
Por outra banda, apuntou que o Igape ten un amplo abano de ferramentas, desde as axudas para a posta en marcha de novas agrupacións industriais -agrupacións industriais emerxentes-, ata os apoios para o desenvolvemento dos seus plans de acción, gastos de funcionamento, ou tamén axudas para facilitarlles o acceso e achegamento aos ámbitos internacionais.