Facenda inicia a elaboración das contas
A Xunta márcase como obxectivo dos Orzamentos para 2018 consolidar o modelo de crecemento san
A Xunta de Galicia deu comezo ao proceso de elaboración dos Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2018.
Estas contas terán como principal obxectivo, indica a Consellería de Facenda, consolidar o modelo de crecemento san, que está permitindo a Galicia acadar un crecemento da economía e do emprego ao tempo que se reforza o gasto social, se reduce o gasto en xuros de débeda e se reforzan os investimentos.
Así, os orzamentos da Xunta de Galicia para 2018 márcanse como prioridade xerar novos postos de traballo, reforzar a incorporación dos galegos ao mercado de traballo e mellorar as súas condicións de benestar. Para iso, as contas terán como base un modelo económico de crecemento baseado no coñecemento, a especialización, a innovación e a internacionalización da economía galega.
Ademais, o Goberno galego manterá como folla de ruta o Plan Estratéxico de Galicia (PEG) 2015-2020, cuxos obxectivos plasmaranse nos programas orzamentarios de gasto que conformarán o Orzamento da Comunidade Autónoma para 2018. Así o establece a orde da Consellería de Facenda pola que se ditan instrucións para a elaboración dos Orzamentos para o ano 2018, publicada este xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Elaboración dos orzamentos
Respecto á elaboración dos orzamentos, estes partirán da avaliación dos indicadores de produtividade dos exercicios pechados empregando os resultados de desenvolvemento como elemento para determinar as partidas das contas para 2018. Estes indicadores tamén seguen a fixar os obxectivos operativos de cada proxecto de gasto como primeiro paso do proceso de elaboración de orzamentos cara a resultados, que debe continuarse cunha orientación da xestión da Xunta nos vindeiros exercicios para acadar os resultados do PEG.
O proceso de elaboración dos orzamentos estrutúrase en torno a tres comisións. A Comisión de análise e avaliación dos obxectivos dos programas de gastos avaliará os obxectivos estratéxicos e operativos asignados aos distintos programas de gasto e aos seus indicadores de resultado, e a coherencia dos indicadores de produtividade asignados a cada partida orzamentaria. Estes obxectivos coinciden cos marcados polo Plan Estratéxico.
Pola súa banda, a Comisión de ingresos propios e finalistas encárgase das tarefas de determinación, análise e agregación dos datos precisos para elaborar as previsións sobre taxas e prezos e demais ingresos de dereito público, sobre ingresos de carácter finalista procedentes da Administración do Estado ou doutras administracións públicas e sobre as correspondentes aos organismos autónomos e axencias.
Finalmente, a Comisión funcional do gasto determinará en función dos obxectivos e prioridades de gasto establecidas no Plan Estratéxico de Galicia ata 2020, a distribución do orzamento por programas, capítulos e proxectos de gasto.