A través dun convenio coa Fegamp que poderá beneficiar 42 concellos galegos que carecen dunha entidade de crédito
A Xunta facilitará a instalación de caixeiros automáticos en municipios sen oficinas bancarias
A iniciativa consiste na instalación, mantemento e posta en funcionamento de caixeiros automáticos nas dependencias municipais; a prestación dun servizo de asistencia financeira que permita, de xeito semellante a unha oficina bancaria convencional, solucionar de xeito presencial as dúbidas dos clientes; e a oferta de formación financeira e banca electrónica para adquirir nocións básicas e aprender a utilizar os servizos bancarios a través das novas tecnoloxías.
Para desenvolver estas actuacións, a Consellería de Facenda e Administración Pública vén de abrir un período de información pública para dar a coñecer as bases que rexerán as subvencións destinadas a incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios no ámbito rural. A elas poderán optar aqueles concellos que voluntariamente se adhiran ao convenio de colaboración asinado entre este departamento e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para a universalización de servizos financeiros.
Con este convenio, a Xunta quere impulsar a colaboración das entidades financeiras que operan en Galicia para promover que toda a poboación galega, con independencia do seu lugar de residencia, teña acceso aos servizos financeiros e bancarios. Trátase de universalizar o acceso aos servizos bancarios e evitar así, a exclusión financeira.
Neste sentido, a FEGAMP actuará como intermediaria entre a Administración galega e as entidades locais e trasladará a todos os concellos toda a información polo miúdo, para que aqueles que estean interesados se poidan adherir. Os concellos interesados unicamente deberán ceder os espazos necesarios para a instalación dos caixeiros e prestación dos servicios financeiros por parte das entidades bancarias.
Concellos beneficiados
Segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE) a 31 de decembro de 2019, un total de 42 concellos galegos –o 13% do total– carecen dunha entidade de crédito. A provincia máis afectada é a de Ourense, onde non teñen servizos financeiros 26 municipios que son os de Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadanedo, Lobeira, Piñor, Punxín, Baltar, Os Blancos, Porqueira, Rairiz de Veiga, Trasmiras, Taboadela, A Arnoia, Beade, Carballeda de Avia, Cenlle, Cortegada, Melón, A Bola, Pontedeva, Verea, Chandrexa de Queixa, Larouco, Petín, Castrelo do Val, Monterrei e Oímbra.
O resto de concellos distribúense entre a provincia da Coruña, con dez municipios (Aranga, Coirós, Paderne, Vilarmaior, Vilasantar, Cabanas, Lousame, Dodro, Santiso e Toques); catro concellos na provincia de Lugo (Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, Ribas de Sil e O Páramo); e dous municipios na de Pontevedra (Mondariz-Balneario e Dozón).