Solicita dilixencia na tramitación ao Goberno,
A Xunta emitirá en días a declaración de impacto ambiental de 140 parques eólicos
Tal e como explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ante os medios de comunicación, o Consello da Xunta de Galicia avaliou na súa reunión deste xoves a situación actual do sector eólico galego. Unha industria clave na transición enerxética e para a que o Goberno galego está activando todos os instrumentos ao seu alcance co obxectivo de lograr un desenvolvemento planificado e ordenado. Búscase que vaia en equilibrio coa protección do ambiente, achegando seguridade xurídica aos promotores, á vez que se dá prioridade aos proxectos eólicos vinculados á industria para que poidan acceder a un prezo eléctrico máis competitivo.
“Galicia está respondendo e activando todos os instrumentos que están ao noso alcance como administración para acompañar as necesidades do tecido industrial, ofrecer a máxima axilidade e sempre de forma planificada”, sinalou o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, quen asegurou que “Galicia aposta polas renovables e pretende liderar o proceso de descarbonización da economía”.
Segundo trasladaron Rueda e Conde, o modelo galego contrasta coas decisións que nesta materia está adoptando o Goberno central que, coas súas actuacións, está poñendo trabas ás administracións autonómicas e creando inseguridade xurídica e incertezas. Neste sentido, lembraron que Galicia está a facer un grande esforzo para facer fronte ao efecto chamada provocado polo decreto lei aprobado polo Goberno en xuño de 2020 que regula a caducidade dos permisos de acceso e conexión dos parques eólicos. Esta normativa impoñía prazos moi axustados para obter as declaracións de impacto ambiental (DIA), así como as autorizacións administrativa e de construción, polo que o Goberno central se viu obrigado a modificala para aumentar os prazos en nove meses máis.
O fito máis inmediato será a obtención da DIA -favorable ou non- para 140 proxectos de parques eólicos en Galicia. Logo da contratación de 120 persoas e a aplicación de diferentes medidas para dar unha maior axilidadade ao proceso, a Xunta de Galicia conta con que a maioría dos parques poidan obter a DIA -xa a obtiveron 92 proxectos (66 favorable e 26 desfavorable)-. Neste sentido, ademais dos prazos limitados, a tramitación atopouse con outras trabas como os atrasos á hora de contestar os requirimentos, ademais da falta ou dos erros na documentación presentada que impedirán que todos os parques poidan cumprir con este fito.
Aínda así, a Xunta de Galicia, a través da Lei de acompañamento, xa estableceu que, naqueles casos onde non se poida cumprir con este fito administrativo, se continuará coa tramitación daqueles parques que perdan o permiso de acceso e conexión, aínda que non poderá autorizar o proxecto mentres tanto non obteñan estes permisos. Ademais, debido á imposibilidade material do cumprimento dos prazos, apreciarase a existencia de causas non imputables ao promotor para non executar as garantías económicas. O seguinte paso será a obtención da autorización administrativa previa e de construción para os parques que conten coa DIA favorable.
Ante este esforzo realizado desde o Goberno galego -que desde 2020 aprobou máis DIA que desde 2013 ao 2019; e que en 2022 duplicou os informes emitidos polos organismos dependentes ao pasar dos 1.070 en 2021 aos 2.227 de 2022-, solicítase ao Executivo central o mesmo grao de compromiso. Neste sentido, os proxectos de máis de 50 MW dependen do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Deles declarouse a excepcionalidade para 13 proxectos polo seu impacto social e económico, ao estaren vinculados a Alcoa, Sentury e Resonac (Showa Denko). Galicia xa emitiu os informes necesarios, polo que o Goberno non ten impedimento para que estes parques cumpran coa súa tramitación administrativa.
Desde a Administración galega tamén se realizaron as modificacións lexislativas precisas para declarar este tipo de proxectos como iniciativas empresariais prioritarias, para o cal se esixiu, entre outras cuestións, a subscrición dun acordo directo de compravenda de enerxía a longo prazo (PPA) cunha empresa con actividade industrial en Galicia que garanta como mínimo o 50 % da súa produción enerxética.
Iniciativa empresarial prioritaria para cinco parques eólicos
Outro dos asuntos tratados no Consello da Xunta foi a declaración de iniciativa empresarial prioritaria cinco parques eólicos da provincia de Pontevedra que teñen asinado un contrato de subministración de enerxía a longo prazo con Repsol.
Desde a Administración galega realizouse unha modificación lexislativa na Lei 5/2017 para engadir un novo requisito á hora de declarar como iniciativas empresarias prioritarias “proxectos con infraestruturas de evacuación en tramitación ou xa autorizadas cuxos promotores subscriban un acordo directo de compravenda de enerxía a longo prazo e a prezo competitivo cunha empresa con centro de traballo con actividade industrial no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, vinculado aos devanditos proxectos e ao centro de traballo determinado de que se trate, e garantindo polo menos o 50 % da súa produción de enerxía.” No caso destes cinco parques procede a declaración por contar con infraestruturas de evacuación en tramitación e contrato de compravenda a longo prazo asinado con Repsol para a subministración da refinería coruñesa.