Networking con empresarios en San Cibrao das Viña

A Xunta duplicará o ano que vén os fondos destinados a aforro e eficiencia enerxética

A Xunta duplicará en 2023 os fondos destinados a aforro e eficiencia enerxética, pasando de 40 millóns de euros a preto de 80 millóns. En concreto, a partida para fomentar o autoconsumo acada os 17 millóns de euros. 

A Xunta duplicará o ano que vén os fondos destinados a aforro e eficiencia enerxética
20221014CondeNetworkingSanCibrao
Networking Galicia Empresa celebrado na sede da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, fixo este anuncio no Networking Galicia Empresa celebrado na sede da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas (Ourense).

Segundo apuntou Conde, os investimentos neste eido son clave para reducir o prezo da factura, e contar cunha estabilidade no medio e longo prazo no custo enerxético que “cada vez está sendo máis determinante desde o punto de vista da competitividade”. Neste ámbito destacou iniciativas como a primeira comunidade enerxética empresarial de Galicia que se está a desenvolver na Tecnópole, un proxecto pioneiro no que xa se está a traballar con 50 empresas, para axudar ás compoñías a desenvolver proxectos colectivos de aforro e eficiencia enerxética.

No encontro achegaron as súas experiencias representantes das empresas Inplasor, especializada na inxección de pezas de plástico á medida; e Formato Verde, centrada na fabricación de equipamento para a recollida de refugallos. Ademais, ofreceuse información sobre os diferentes instrumentos que a Xunta pon a disposición de pemes e autónomos, e adiantáronse as principais liñas de traballo para o próximo ano.

Financiamento para 2023

A Xunta tamén inclúe nos seus orzamentos para 2023 unha partida de 140 millóns de euros para instrumentos financeiros.

O responsable de Economía, Industria e Innovación lembrou que o Goberno galego aposta pola axilidade administrativa para a captación de novos investimentos a través da Lei de simplificación e a Lei de áreas empresariais, e con ferramentas como a Oficina Galicia Empresa, unha xanela única na que atopar a axuda e o asesoramento necesarios para a posta en marcha de calquera proxecto, e a nova Secretaría Xeral de Industria, que centraliza as competencias neste ámbito.

Nestes obxectivos involúcrase ás administracións locais a través da figura dos Concellos Emprendedores, que suman nestes momentos 153, dos cales 66 son da provincia de Ourense, a máis participativa. 

A Xunta duplicará o ano que vén os fondos destinados a aforro e eficiencia enerxética