Busca fortalecer o sector, mellorar a competitividade e impulsar a innovación, entre outras
A Xunta pon en marcha o deseño do plan director da industria metalmecánica
O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, mantivo unha reunión co secretario xeral da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), Enrique Mallón, para comezar os traballos de elaboración do plan director da industria metalmecánica.
Este sector é un dos sectores declarados estratéxicos pola Xunta de Galicia xunto coa industria da automoción, a construción naval, o sector forestal-madeira, a industria das TIC e a da loxística, algúns dos cales tamén contarán con participación de Asime na elaboración dos seus plans directores específicos.
A posta en marcha da elaboración deste plan terá como primeiro fito unha consulta pública, a través do portal de transparencia e goberno aberto, para solicitar a opinión da cidadanía e das organizacións e asociacións máis representativas.
O plan contará con medidas, mecanismos e medios necesarios para , mellorar a competitividade, fomentar a súa internacionalización e sustentabilidade, impulsar a innovación industrial, incrementar o emprego industrial e estimular a captación de investimento.
Na súa elaboración tamén participará o sector privado, representantes dos traballadores e resto de axentes implicados, e para a súa aprobación por parte do Consello da Xunta de Galicia será necesario o informe do Consello Galego de Economía e Competitividade.
Coa elaboración do plan da industria metalmecánica e, tras a posta en marcha nas últimas semanas dos traballos para elaborar os plans directores dos outros sectores estratéxicos, a Xunta busca facilitar o proceso de adaptación e transformación enerxética e dixital da industria galega.