O Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular foi recoñecido como Agrupación Empresarial Innovadora
Viratec suma 70 asociados en apenas dous anos
A xornada celebrada en Santiago de Compostela por Viratec contou coa presenza da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, encargada da clausura. Na súa intervención, destacou a importancia de que as administracións públicas e o tecido empresarial vaian da man en materias clave desde o punto de vista ambiental como pode ser a xestión dos diferentes tipos de refugallos.
Neste sentido, referiuse ao novo Plan de residuos industriais de Galicia (PRIGA), actualmente en elaboración e que orientará a estratexia e os obxectivos a acadar neste eido no período 2023-2030. A conselleira agradeceu ao clúster a colaboración neste plan mediante a súas achegas ao mesmo, sobre a base do coñecemento experto en materia de residuos existente entre as entidades socias de Viratec, o que axudará a seguir avanzando na implantación da economía circular en Galicia.
Viratec foi posta en marcha a finais do ano 2020 por 55 empresas e entidades, o que supón que no seu curto período de vida incrementou nun 21,4% a representación do sector medioambiental galego no ámbito da industria, os servizos e a investigación, confirmando a capacidade aglutinadora do clúster e a vontade do sector medioambiental de Galicia de unir forzas para construír un ecosistema innovador e competitivo, dentro e fóra da nosa comunidade.
O Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular obtivo o pasado mes de decembro o recoñecemento como Agrupación Empresarial Innovadora por parte do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, un fito importante para posicionar o clúster como actor de peso no impulso de proxectos en favor da economía circular e as solucións ambientais en Galicia.
Proxectos transfronteirizos
No transcurso da asemblea aprobáronse as contas do pasado exercicio, o informe de actividades, e as altas e baixas na entidade, así como o orzamento de 2023. Así mesmo, deuse conta dos principais proxectos en marcha, entre os que figura a participación, xunto con outras entidades de Galicia e do Norte de Portugal, en dous proxectos POCTEP, denominados DESCARBON e ECOCIRA. O primeiro oriéntase á captura e comercialización de CO2 e nel tamén figuran Sogama, o Instituto Tecnolóxico de Galicia e Energylab na participación galega, mentres que o segundo céntrase na creación dun ecosistema de economía circular para a cadea de valor do sector da alimentación. Neste caso, as entidades de Galicia que presentaron as súas candidaturas aos fondos POCTEP xunto con VIRATEC son InovaLabs, Cetaqua, Clusaga e a Universidade de Vigo, que lidera o proxecto.
Ademais, informouse da posta en marcha dos traballos destinados a coñecer o potencial de internacionalización das entidades socias de Viratec, como punto de partida para impulsar a súa presenza nos mercados exteriores.
No marco do encontro, María Loureiro, catedrática de Economía na USC e académica da Real Academia Galega de Ciencias, impartiu unha conferencia sobre “Economía Circular e Innovacións Disruptivas”.