Preséntase o novo xerente da AGH2, Luis Miguel Varela
A USC colaborará coa Asociación Galega do Hidróxeno para impulsar o hidróxeno
Na xuntanaza tamén participaron a secretaria xeral de Industria, Paula Uría, o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández, o director do Departamento de Enerxía do Inega, Juan Ignacio Rodríguez e investigadores da USC.
Durante a reunión, o presidente da Asociación Galega de Hidróxeno (AGH2), José Ramón Ferreiro, explicou a folla de ruta da entidade aos académicos e destacou a importancia de “desenvolver tecnoloxías sostibles que permitan acadar unha independencia enerxética de fontes externas, á vez que evitar as emisións e descarbonizar a industria”.
Pola súa banda, o reitor da USC, Antonio López, asegurou que “a procura de enerxías alternativas e renovables debe xogar un papel central no desenvolvemento dunha economía sostible con alto valor engadido. Sendo prioritario acometer estes temas coa maior axilidade e sobre todo coa maior solvencia técnica para atopar solucións efectivas”. Nesta liña, López considerou que a colaboración coa Asociación Galega do Hidróxeno é unha oportunidade para a transferencia do coñecemento ao redor das enerxías renovables e sostibles e a procura de novas alternativas enerxéticas.
Novo xerente da AGH2
O encontro cos investigadores, foi o escenario elixido para presentar ao catedrático Luís Miguel Varela como novo xerente da AGH2. Ferreiro referiuse a este nomeamento como unha peza clave “no cumprimento dos retos definidos, que pasan pola colaboración público - privada e a integración das distintas solucións en diferentes ámbitos da cadea de valor do sector”.
Luís Miguel Varela mostrouse moi agradecido coa AGH2 por confiar na USC para colaborar de maneira tan estreita no desenvolvemento do hidróxeno e “proporcionar un elemento decisivo para a estabilización dun mix enerxético renovable, a medida que se avance na substitución de tecnoloxías fósiles por renovables”. Varela insistiu na importancia do hidróxeno como “vector enerxético de referencia nos esquemas de transporte e acumulación de enerxía no novo marco enerxético mundial, no que Galicia conta con potencial de liderado”.
O acordo, que se traduce na participación directa do catedrático na xerencia da AGH2, ademais de desenvolver coñecemento, busca coordinar os diferentes proxectos que se impulsen desde a Asociación, facilitando a participación do sector privado, as institucións educativas e a Administración.
Durante a súa intervención, a secretaria xeral de Industria, Paula Uría – que felicitou á Asociación Galega do Hidróxeno e á USC por esta iniciativa – destacou a posta aposta que a Xunta, a través da Axenda Enerxética de Galicia 2030, está a realizar no impulso das fontes de enerxía renovables e, en concreto, por novas tecnoloxías como é o caso do hidróxeno verde. Neste sentido, destacou o proxecto para apoiar a implantación dun Hub de hidróxeno verde co que se poderían obter ata 105.000 toneladas ao ano para diversos usos.