Na factoría de As Somozas
UGT-FICA arranca o compromiso de Siemens Gamesa de carga de traballo para un ano
A dirección de Siemens Gamesa vén de comprometerse co sindicato UGT-FICA-Galicia e cos delegados de UGT de manter unha carga de traballo para os modelos que na actualidade se veñen fabricando na fábrica de As Somozas ata o 30 de setembro de 2020.
Este compromiso foi trasladado por Siemens Gamesa ao comité de empresa a través dunha reunión extraordinaria e asinado o pasado xoves, día 10 de outubro. Desde a sección sindical de UGT-FICA puntualízase que paralelamente tense creado un comité de seguimento de carga de traballo "co fin de estar vixiantes e continuar traballando para poder confirmar máis carga de traballo e, incluso, a posibilidade da adxudicación de novos modelos", sinalan nun comunicado de prensa..
O sindicato entende que "aínda que unha garantía de carga de traballo para un ano é unha boa nova para os traballadores da factoría, non resulta suficiente" polo que seguirá traballando para "evitar calquera tentativa por parte da empresa de deslocalización ou traspaso de carga de traballo a outras factorías ante posibles compras".
Xuntanzas coas administracións
Ademais da xuntanza coa empresa, xa se mantivo outra co alcalde das Somozas na que este informou que os investimentos en infraestruturas comprometidos con Siemens Gamesa xa están en fase se execución.
E, este venres pasado, a xuntanza foi co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e coa directora xeral de Emprego, Covadonga Toca. Nesta, á que asistiu UGT-FICAGalicia, delegados de UGT en Siemens Gamesa e o alcalde das Somozas, o titular de Industria asumiu o compromiso de apostar polo futuro da factoría e, sempre que a dirección demostrase a súa viabilidade, apostar seriamente polos investimentos en I+D+i necesarios. Para iso, o conselleiro anunciou que se vai poñer en contacto coa dirección de Siemens Gamesa para coñecer de primeira man os seus obxectivos e plans de futuro para a planta das Somozas.
UGT-FICA-Galicia comprométese a seguir traballando nesta mesma liña co fin "de que se cumpran os compromisos de carga de traballo efectiva realizados por Siemens Gamesa" e ao mesmo tempo "poder ir máis aló na carga de traballo comprometida e evitar calquera risco de deslocalización que se poida presentar".