Fomentará investigacións sobre as aplicacións cosméticas, farmacolóxicas e enerxías dos aceites domésticos
A UDC e a Fundación Olidís crean a Cátedra Juan Luque de economía circular sobre o aceite
Tanto a Universidade da Coruña (UDC) como a Fundación Olidís plantexan como obxectivo estratéxico profundar nos estudos sobre os aceites relacionados coa economía circular en aplicacións cosméticas, farmacolóxicas e enerxías, entre outras; así como a súa vinculación con auga mariña e algas.
O reitor da UDC xustificou a creación desta nova Cátedra Juan Luque: economía circular sobre o aceite como o froito da intensa relación da universidade coa empresa. “Somos unha universidade que nos gusta estar preto do sector empresarial e industrial porque cremos na coxeneración de coñecemento”, explicou Julio Abalde, subliñando o interese das dúas institucións por innovar e formar no campo da economía circular.
A Fundación Olidís tamén puxo de relevo o aspecto innovador desta Cátedra que terá a súa sede na factoría de elaboración de produtos cosméticos a base de aceite, auga de mar e algas que está proxectando en San Cibrao, no concello lugués de Cervo.
O profesor da UDC Manuel Becerra, coordinador do Máster Universitario en Biotecnoloxía Avanzada con mención de excelencia da Xunta, será o novo director desta Cátedra que contará cun financiamento anual de 30.000 euros aportados pola Fundación Olidís.