Convocan manifestacións conxuntas en nove localidades galegas
"Subir salarios, baixar prezos, repartir beneficios", lema de CCOO e UGT este 1 de maio
A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, aproveitou a rolda de prensa para enviarlle unha mensaxe á patronal: "cómpre subir os salarios, porque a situación é inasumible para milleiros de familias". Neste sentido, emprazou a CEOE a chegar a un acordo sobre o acordo de negociación colectiva (AENC).
Pérez tamén apuntou que, malia á moderación experimentada pola inflación, "a cesta da compra segue subindo sen parar", polo que instou a actuar sobre os beneficios empresariais. "Non pode ser que as empresas sigan trasladando os custos sobre a clase traballadora, a repartición dos beneficios e dos custos ten que ser equitativa", afirmou a sindicalista
De cara a este Primeiro de Maio, CCOO e UGT tamén poñen en valor a "arquitectura de protección social" conseguida grazas ao diálogo social estatal, como é o caso da suba do salario mínimo, da reforma laboral ou da reforma das pensións, «"pois supoñen gañar dereitos e mellorar a vida das persoas traballadoras", enfatizou Amelia Pérez.
Pola súa parte, o secretario xeral da UGT advertiu que, se a patronal teima en seguir fóra das mesas de negociación para abordar estas necesidades, "haberá conflito", e incidiu en que "é de xustiza" que se actúe sobre os beneficios empresariais e suban os salarios da clase traballadora.
José Antonio Gómez tamén lembrou que no ámbito do diálogo social estatal quedan pendentes de negociar outras cuestións, como as indemnizacións por despedimento, que "han ser xustas, consonte a Carta Social Europea".
Ambas os dous sindicatos convocan para o Día do Traballo mobilizacións en nove localidades galegas, sendo o acto central en Vigo ás 11:30 horas. Nas cidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo e Ourense as marchas serán a mediodía, mentres que en Pontevedra a manifestación sairá ás 11 horas, en Viveiro ás 11:45 horas e en Vilagarcía de Arousa ás 12:30 horas.