Piden unha xuntanza da mesa do naval
Os sindicatos denuncian falta de compromiso das Administracións con Vulcano
Dende os sindicatos critican o papel que están a xogar tanto o Goberno galego como o estatal na "grave crise" que atravesa a industria naval da Ría de Vigo, un sector fundamental para a comarca e estratéxico para o país. “Até o de agora o naval vivía da propaganda, xa que se anunciaba a súa recuperación en base ao número de construcións contratadas sen ter en conta o número de horas de traballo que ía supoñer”, sinala o responsable do naval da CIG-Industria de Vigo, César Rodríguez.
Segundo indica, deste xeito é imposible que o sector “aguante” e poida chegar a recuperarse nun futuro. Como exemplo cita o caso de Vulcano, o segundo maior estaleiro privado do Estado, “que se atopa en proceso de liquidación e que vai deixar a 69 traballadores/as na rúa”. Para o representante sindical máis preocupante aínda é que a súa desaparición supón “perder un estaleiro con capacidade de empregar a un milleiro de persoas, incluíndo a industria auxiliar”.
Isto terá consecuencias nefastas para a comarca de Vigo, “xa que no caso de que se perdan as instalacións do estaleiro vai supoñer a perda definitiva de centros de empregos industriais, o que repercutirá no resto de sectores”. Neste senso, quixo deixar moi claro que sen industria non hai futuro para a comarca”.
Xuntanza da mesa do naval
Para evidenciar a falta de compromiso público co sector lembrou que as centrais levan tempo reclamando unha xuntanza da mesa do naval, “que nunca convocaron agarrándose ao discurso de que xa se estaba a recuperar”. Pero para Rodríguez a proba de que se trataba dunha recuperación ficticia é o feito de que ningún outro estaleiro se interesou polas instalacións de Vulcano.
Durante a concentración que se desenvolveu este luns de 11:00 a 13:00 horas diante do edificio da Xunta, unha representación de Vulcano e das tres centrais foi recibida pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro. “O de sempre, boas palabras que ao final non se traducen en nada porque nunca houbo un compromiso real co sector, como demostra que non convocasen a mesa do naval”.
Polo tanto, incidiu en que a industria naval viguesa atópase “nun momento crítico” a expensas do que suceda tamén con Barreras, “porque se cae igual que Vulcano o sector desaparece, xa que son os dous únicos estaleiros con capacidade de contratar proxectos importantes”.
Unha representación de CIG, UGT e CCOO tiña previsto manter na mesma tarde do luns, en Santiago, xuntanzas cos distintos grupos políticos con representación no Parlamento galego para trasladarlles a situación na que se atopa Vulcano.