Redactado pola Zona Franca

O sector hortofrutícola do Baixo Miño contará cun plan estratéxico

A Zona Franca de Vigo realizará un plan estratéxico para o sector hortofrutícola do Baixo Miño para contribuir a unha mellora da competitividade dese entorno.

O sector hortofrutícola do Baixo Miño contará cun plan estratéxico
O delegado de Zona Franca de Vigo coas alcaldesa de Tomiño, O Rosal e o alcalde de A Guarda.
As alcaldesas de O Rosal e Tomiño, o delegado da Zona Franca e o alcalde de A Guarda.

O delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, asinou un protocolo coa coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba; e a alcaldesa de O Rosal, Ánxela Fernández, na empresa O Toxal. O plan será participativo e contará coas opinións e aportacións do sector e axentes da comarca.

O delegado do Estado, David Regades, explicou que “un dos ámbitos de actuación do Consorcio é a análise da actividade económica para establecer os mecanismos necesarios para a toma de decisións e a mellora da competitividade do entorno, o crecemento económico e a xeración de emprego e no Baixo Miño o sector hortofrutícola é clave”. Lembrou que “a pandemia acelerou a transición a un novo paradigma económico e social, que creará novas oportunidades”.

A alcaldesa de Tomiño expresou que “a realización deste plan estratéxico é unha ferramenta imprescindible para planificar o futuro do agro na comarca. Será unha foto fixa de onde estamos e unha previsión fundamentada de a onde quere chegar o sector agrícola”. 

O alcalde de A Guarda asegurou que "o compromiso expresado por Zona Franca con este plan estratéxico para o Baixo Miño servirá para ter a presenza dunha das entidades de referencia do mundo empresarial no noso territorio. Confiamos que consiga  xerar novas oportunidades, dinamizar a economía, crear emprego e fixar poboación".

A rexedora de O Rosal, Ánxela Fernández, destacou o papel do sector como “o noso motor” e subliñou que “esta é a clave para desenvolver o noso tecido empresarial no futuro”.

Con estes obxectivos asinouse o protocolo para a elaboración dun plan estratéxico para o sector hortofrutícola, que incluirá un exhaustivo diagnóstico sectorial, os obxectivos estratéxicos e unha folla de ruta con actuacións específicas, claras e realistas para a mellora da competitividade da actividade hortofrutícola que repercuta no desenvolvemento económico da comarca e a calidades de vida dos seus habitantes. No acto da firma tamén estivo presente unha representante da consultora Auren, que inicia xa os estudos para o plan e terá resultados dentro dun ano.

O que se busca é directrices para un proxecto a longo prazo, facilitar a transformación e o cambio cara ao futuro, con especial atención á fixación de poboación na comarca, aproveitar as sinerxías e o potencial de internacionalización do sector, baseados no seu carácter transfronteirizo, así como as posibilidades de colaboración público-privada neste eixo, definir actuacións específicas que supoñan un impulso definitivo para o crecemento e a competitividade do sector hortofrutícola, articular liñas de actuación acordes coa Estratexia Española de Desenvolvemento Sostible, Axenda 2030 e a posta en valor da actividade hortofrutícola da comarca.

Fases do plan estratéxico

O plan estratéxico ten sete fases: diagnóstico estratéxico, workshops, estudio de casos de éxito, marcar as liñas estratéxicas para o sector hortofrutícola, plan operativo, propostas de colaboración e instrumentos públicos de axuda e finalmente a monitorización.

Comezará co diagnóstico, unha análise profunda da situación socioeconómica da actividade, que sintetizarase nunha matriz DAFO (debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades). A continuación organizaranse os workshops, reunións de axentes do sector e institucionais en xornadas orientadas a fomentar un proceso participativo e a recompilación de opinións, percepcións e ideas de axentes e entidades público-privadas relevantes sobre a situación actual e os retos futuros.

Tamén se levará a cabo un estudio de casos de éxito que tiveran resultados notábeis a nivel nacional ou internacional e que poidan resultar referentes inspiradores.

O plan operativo conterá un desglose detallado, específico e realista de accións, actuacións e instrumentos a implementar e haberá unha folla de ruta para posibles colaboracións no ámbito institucional e empresarial público-privado. Finalmente unha formulación dunha batería de indicadores que faciliten a avaliación e seguimento periódico das accións emprendidas e permita a toma de decisións e establecemento de medidas correctoras.


 


 


 


 

O sector hortofrutícola do Baixo Miño contará cun plan estratéxico