Dá emprego a redor de 3.000 persoas en Galicia
O sector dos espectáculos pide axudas para a súa reactivación
Despois de case un ano de negociación entre a Xunta de Galicia, Comisións Obreiras e Amproega (a Asociación de Músicos e Profesionais do Espectáculo de Galicia), a Administración autonómica aprobou a comezos de ano axudas directas para os traballadores e traballadoras do sector da música. Tres meses despois, o Diario Oficial de Galicia segue sen dar conta destes apoios económicos.
Desde CCOO e Amproega urxen a publicar "decontado" esta liña de axudas e a "negociar xa outras máis ambiciosas". Lembran, asemade, que estas traballadoras e traballadores quedaron excluídos das prestacións por desemprego, pola precariedade na contratación ou ausencia de contratos. Ademais, a regulación dos ERTE non incluíu o persoal con contratos artísticos, maioritarios no sector.
Posteriormente, adoptáronse medidas de apoio ao sector cultural para facer fronte ao impacto da covid, pero só para quen estivese de alta na Seguridade Social antes do 14 de marzo de 2020, requisito que os profesionais das verbenas galegas non cumprían, pois ese é un período sen actividade no seu ámbito.
Ademais de pedirlle á Xunta que "axilice" unha nova e máis ambiciosa convocatoria de axudas, CCOO e Amproega tamén se dirixirán á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e ás a catro deputacións galegas para que, no ámbito das súas competencias, promovan iniciativas que contribúan a poñer en marcha o sector.