Galicia produce ao redor de 110.000 toneladas de pellets ao ano
O sector da biomasa lanza unha mensaxe de tranquilidade ante o aumento da demanda de pellets
Neste sentido, o Clúster estima que Galicia produce ao redor de 110.000 toneladas de pellets cada ano, mentres que a demanda do consumo se sitúa nas 45.000 toneladas de media anuais na nosa Comunidade.
O presidente do Clúster da Biomasa recoñece unha lixeira suba no prezo dos pellets polo encarecemento das materias primas, con todo, Francisco Álvarez lembra que “as variacións no custe da biomasa están á marxe da situación xeopolítica que vivimos. Unha familia gasta 1.000 euros ao ano cunha estufa de biomasa, eses cartos non chegan para afrontar medio inverno coa estufa de gasóleo; serían necesarios uns 1.600 euros para obter a mesma enerxía, e aínda con menos confort”.
O monte galego, potencia económica e almacén de enerxía
O presidente do Clúster da Biomasa fai fincapé na necesidade impulsar o desenvolvemento económico dos montes para previr os lumes e en converter o forestal nun sector máis atractivo. “Eu penso no monte como un puzzle, a biomasa é unha peza máis”, apunta Francisco Álvarez, “se creamos postos de traballo vinculados ao sector forestal aumentamos o control sobre os incendios, son ollos que van estar coidando”.
Neste sentido, o presidente destaca que os montes de Galicia teñen un potencial enorme fronte a outras comunidades de España que “se están desertizando, polo tanto, temos que aproveitalo, temos volver tender pontes co monte, ao xeito dos nosos avós”. O presidente do Clúster apunta tamén á capacidade do sector para xerar postos de traballo cualificados, dende operadores de recolección ata técnicos de calidade e enxeñeiros forestais.
Ante o temor ao posible desabastecemento enerxético, o presidente do Clúster é claro ao respecto: “Galicia ten o seu almacén de enerxía nos montes, non podemos deixar que ardan. O que temos que facer é canalizar esa enerxía a través da biomasa. Temos a sorte, dende hai séculos de contar cun almacenamento enerxético. Só temos que transformalo de xeito sostible para achegalo ós fogares galegos”, apunta Francisco Álvarez e asegura que “esta é a fórmula para lograr a neutralidade climática, prescindir dos combustibles fósiles nos fogares e na industria e avanzar tamén no desenvolvemento do noso rural. De feito, a nosa Comunidade ten referentes de equipos de biomasa a nivel internacional”.
Máis concienciación e formación a favor da biomasa
Galicia é a comunidade española que máis gasóleo consome destinado á calefacción. Para reverter esta situación, o Clúster da Biomasa traballa xa nun plan de concienciación social: “un fogar galego tense que preguntar, de onde vén a enerxía que chega ao eu fogar? Que pegada deixo cos meus hábitos e como podo cambialo? En definitiva, queremos que a xente valore as alternativas que ofrece a biomasa”, explica Álvarez.
Por outra banda, o Clúster da Biomasa de Galicia ten en marcha, en colaboración coa Xunta de Galicia, un programa formativo para profesionalizar e capacitar os postos de traballo que precisa o sector.